A Deputación da Coruña fomenta as redes seguras e responsábeis nos institutos de Ferrolterra
luns, 24 de marzo do 2025
A Deputación da Coruña impulsa en institutos de Ferrolterra un proxecto pioneiro para o uso seguro e responsábel das redes sociais en adolescentes. Trátase do proxecto Problemas dixitais, solucións reais, un innovador programa educativo que busca formar adolescentes, familias e docentes na Rede en positivo, enriquecedora e creativa. A iniciativa ofrecerá obradoiros nos que se abordarán temas clave como a protección da privacidade, a prevención do ciberacoso e a xestión saudábel do tempo en liña.
Esta formación pretende axudar ás persoas nativas dixitais, nacidas máis aló do 1997 (e coñecidas como a Xeración Alfa), a detectar cales son os bos e malos usos dentro das redes sociais. Ademais, ofreceranse ferramentas clave para as familias e o persoal formador para que poidan non só comprender, senón traballar cos adolescentes neste ámbito.
O programa desenvolverá contidos actualmente non contemplados no sistema educativo de Galicia e que poden axudar a paliar problemas derivados do uso desmedido das redes sociais como trastornos de saúde mental (ansiedade, depresión, baixa autoestima...), illamento social, sedentarismo ou o acoso nas redes (ciberbullying).
O proxecto comezará a cristalizar cun taller formativo de 90 minutos para estudantes destinado a promover a conciencia sobre o ciberacoso impartido por Diego Arroba "El Cejas", actor e creador de contidos dixitais con máis de 1,2 millóns de seguidores nas súas redes e experiencia persoal nos temas a tratar. Tamén participará Sara Antúnez, presidenta da asociación contra o ciberacoso StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.
Durante a formación trataranse prácticas seguras para acadar a privacidade e a intimidade nas redes, xeitos de entender situacións de ciberacoso, protocolos de actuación e denuncia, implicacións legais para as persoas acosadoras e casos prácticos.
Os primeiros centros en participar serán o IES de Ortigueira, o IES de Fene, o CPR Plurinlingüe San José e o IES Breamo, de Pontedeume, e ao IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce, de As Pontes, entre o luns 24 de marzo e o mércores 26.