A Deputación da Coruña fornece de formación e prácticas TIC a 90 mozos da provincia
xoves, 8 de febreiro do 2018
As
novas tecnoloxías da información estarán moi presentes na vindeira
iniciativa a prol da mocidade da Deputación da Coruña. Trátase,
máis polo miúdo, dunha batería de programas de formación e
prácticas para 90 mozos e mozas da provincia. Os sectores nos que se
formarán serán as TIC e o turismo.
A iniciativa, PEL Emprego Xuvenil, foi aprobada polo Fondo Social
Europeo (FSE), ao abeiro da súa convocatoria de axudas destinadas á
integración sustentábel de persoas novas no mercado de traballo.
A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que constitúen
máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia,
e, segundo engade a entidade provincial, unha cuarta parte dos fondos
acadados para toda Galicia.
Esta
axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total
do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será
aportado pola propia Deputación.
A
Deputación desenvolve esta iniciativa dentro do seu Plan de Emprego
Local (PEL), un plan estratéxico que abrangue todos os recursos e
actuacións destinados a fomentar a creación de emprego. Esta acción
en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas
dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis
itinerarios que incluirán formación específica e prácticas
profesionais en empresas da provincia.
Para
a escolma dos itinerarios que se ofertarán, a Deputación realizou
un estudo do contexto socioeconómico nos concellos coruñeses de
menos de 50.000 habitantes. Na investigación a entidade provincial
achou que a maioría das ofertas de traballo diríxense a
profesionais con capacitación nos sectores das novas Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC) e a promoción turística, polo
que este nicho de mercado sería, en palabras da institución, “o
máis axeitado para asegurar a inserción laboral dos
participantes”.
Así mesmo, os contidos de cada itinerario
responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a
postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao
desenvolvemento dos concellos.
Tres dos percorridos formativos
estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías,
coas especialidades de sistemas de xestión de información,
seguridade informática e administración de bases de datos. De
maneira complementaria, inclúese tamén un curso de 70 horas sobre
manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes
sociais.
Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres
itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e
eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción
turística local e información ao visitante. Neste caso, os
participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre
mercadotecnia aplicada ao turismo e realizarán un obradoiro de
emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de
iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.