A Deputación da Coruña imparte nos centros educativos 16 obradoiros xuvenís de IA, animación e efectos visuais
martes, 18 de febreiro do 2025
A Deputación da Coruña organiza en varios centros educativos da provincia 16 obradoiros para estudantes de Educación Secundaria sobre Intelixencia Artificial, animación, efectos visuais e novos media. Segundo explicou a institución provincial, os obradoiros “pretenden espertar o interese da mocidade nas posibilidades profesionais destes sectores e fomentar os os estudos relacionados coas novas tecnoloxías, a programación e o deseño, sector con boas expectativas de inserción laboral”. Ademais, con estes obradoiros tamén se pretende “axudar a romper a fenda dixital de xénero, espertando o interese das rapazas por un sector moi masculinizado”.
Estes detalles foron achegados pola deputada de Emprego, Rosa Ana García, que clausurou este 18 de febreiro un dos obradoiros celebrado no Colexio das Escravas, na Coruña, onde tivo oportunidade de conversar co alumnado sobre a formación obtida no obradoiro e escoitar as súas opinións sobre o sector e as súas oportunidades que ten para o seu futuro formativo e laboral.
Outros centros nos que se están a impartir os obradoiros son o IES Rego de Trabes, de Culleredo, o CPR Jesús Maestro, de Ferrol, o IES Saturnino Montojo, tamén de Ferrol, o CPR Santiago Apóstol, de Narón, o Seminario Diocesano, de Santiago de Compostela, “aínda que o ciclo continuará noutros centros educativos da provincia”, informou a Deputación, engadindo que todos os contidos incluídos nos talleres “son visuais e atractivos, a través de exemplos reais de producións e material didáctico, no que se explican as diversas técnicas, os estudos necesarios para realizalos, así como as saídas profesionais dos mesmos.”
O programa consta dos seguintes apartados: módulos de animación, nos que se repasan as distintas fases da produción; de efectos visuais, nos que se amosan exemplos de diversos tipos de proxectos, recursos empregados, saídas profesionais e tecnoloxías de vangarda, incluíndo áreas como o cine, a publicidade ou os metaversos.
A Deputación salienta tamén contidos específicos de videoxogos, “a través dos que se realiza un repaso á evolución tecnolóxica e últimos avances no mundo dos videoxogos e os sistemas de aventuras gráficas interactivas en tempo real”.
Amósanse tamén as posibilidades da Realidade Virtual e Aumentada na creación de todo tipo de experiencias en numerosos ámbitos profesionais, como son o turismo, a cultura ou a publicidade entre outros. Inclúese tamén un módulo de produción virtual, no que se dan a coñecer novas formas de rodaxe que, a través dos sistema de contornas virtuais 3D, permiten non só a posibilidade de crear escenarios reais que interactúan cos actores e actrices reais, senón toda unha lista de novos perfís profesionais moi demandados para a realización en escenarios virtuais.
Por último, a Intelixencia Artificial é un dos contidos máis destacados nos obradoiros, “como unha das tecnoloxías máis revolucionarias e que sen dúbida está supoñendo unha completa transformación en toda a sociedade e por suposto, tamén no mundo da creación dixital”, engadiron dende a organización destas actividades formativas, apuntando que nestas sesións “explícase de forma sinxela e moi visual, a través de exemplos baseados na IA Xenerativa, os aspectos máis importantes dunha tecnoloxía que está en boca de todos, pero que ata o momento resulta difícil de comprender”. Con temas moi próximos á mocidade, como son os deportes, a moda, a música ou o cine, os mozos e mozas aprenden as infinitas posibilidades que a IA permite, o seu uso de forma correcta e ética, e os retos que supón para un sector que hoxe en día está descubrindo toda a súa potencialidade.
As sesións mostrarán experiencias de profesionais de recoñecido prestixio na industria audiovisual, como Alba Meijide, que “con menos de 25 anos xa é toda unha autoridade no sector da IA e traballa asesorando a grandes empresas de diferentes ámbitos, nas posibilidades que ofrecen estas novas ferramentas”, sinalan dende a Deputación.