A Deputación da Coruña impulsa a modernización tecnolóxica da Confraría de Laxe
xoves, 28 de agosto do 2025
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou este xoves 28 de agosto a sede da Confraría de Pescadores de Laxe para coñecer de primeira man a actividade e as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro local.
Durante o encontro, no que se reuniu co secretario da confraría, Antonio Devesa, e outros membros da directiva, a deputada destacou o compromiso da Deputación da Coruña co impulso ao sector do mar e puxo en valor “o traballo do pósito, que este ano recibiu un total de 44.368 euros en axudas provinciais”.
Segundo explicou Capelán, as achegas forman parte do programa de apoio ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores da área de Mar e Medio Rural da Deputación, dotado cun orzamento global de 800.000 euros, co obxectivo de reforzar a actividade e a sustentabilidade do sector pesqueiro tradicional.
A deputada explicou que a Confraría de Laxe destinará 13.600 euros á adquisición de novo equipamento informático tanto para a sede da entidade como para a lonxa, incluíndo computadores, impresoras e proxectores.
Así mesmo, concedéronse 24.000 euros para a mellora das canles de comercialización da lonxa, cun proxecto centrado en atraer novos clientes a través de ferramentas dixitais e a venda online. “Esta estratexia busca paliar o descenso do número de embarcacións, cotas de captura e compradores na lonxa local, facilitando a continuidade da actividade pesqueira mediante o uso das novas tecnoloxías”, lembraron.
"A modernización tecnolóxica e comercial das confrarías é fundamental para garantir a súa viabilidade nun contexto cambiante e cada vez máis competitivo. Desde a Deputación apostamos por acompañalas neste proceso, apoiando proxectos que lles permitan chegar máis lonxe e diversificar as súas canles de venda", destacou Cristina Capelán.
O novo sistema inclúe tamén a preparación, embalaxe e envío dos produtos adquiridos polos clientes, asumida polo persoal da lonxa, garantindo así un servizo completo e profesionalizado.
A terceira liña de apoio, por importe de 6.768 euros, destinouse á organización da II Xornada de Degustación da Navalla e o Longueirón de Laxe, celebrada a comezos de agosto, e que reuniu a centos de persoas na localidade para saborear máis de 120 quilos destes bivalvos capturados na zona.
Os responsables da Confraría de Laxe agradeceron o apoio da Deputación nesta estratexia de modernización tecnolóxica e comercial e explicaron as súa colaboración con outras entidades da zona en plans de explotación compartidos, como o da navalla e longueirón con Corme, ou o do ourizo con Malpica, Corme, Camelle, Camariñas e Muxía, nun modelo de cooperación que tamén conta co apoio da institución provincial.
