A Deputación da Coruña impulsa a transformación tecnolóxica de 302 pequenos negocios de municipios rurais

martes, 26 de agosto do 2025 S. P.

A Deputación da Coruña destina 2.758.778,28 euros ao impulso de 302 microempresas, pemes e persoas autónomas, a través da nova convocatoria das axudas PEL-Emprende Investimento 2025. A iniciativa, dirixida a empresas situadas en concellos de menos de 10.000 habitantes, busca modernizar e consolidar o tecido económico local mediante a adquisición de maquinaria, ferramentas informáticas, mobiliario e equipamentos que melloren os procesos de xestión e información.
A contía das axudas oscila entre os 2.450 e os 17.500 euros por beneficiario e poden cubrir ata o 70 % do investimento. Todos os elementos subvencionables deben ser novos e estar directamente vinculados á actividade empresarial, explícase nas bases.
"As axudas PEL son unha ferramenta clave para promover a innovación e competitividade das pequenas empresas dos municipios do rural. Esta liña, en concreto, permite ás persoas autónomas e pequenas empresas afrontar investimentos fundamentais para modernizar os seus negocios e mellorar a súa competitividade", destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
O 95 % das axudas foron concedidas a profesionais autónomos/as. Ademais, un 82 % das solicitudes concedidas pertencen a sectores estratéxicos, emerxentes ou de alto potencial para Galicia. Destacan especialmente as 124 actividades do ámbito agrícola, gandeiro, forestal e da pesca.
A Deputación salienta que o 100 % das empresas beneficiarias desta convocatoria non recibiron axudas en edicións anteriores, “reforzando así o noso compromiso coa diversificación do apoio ao emprendemento”.
As comarcas de Santiago e Ferrol concentran o maior volume de axudas con 107 e 79 concesións respectivamente, que suman máis do 60 % do orzamento total (1.066.350,02 euros en Santiago e 598.162,51 euros en Ferrol). Séguenas as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte (45 concesións e 360.446,79 euros), Barbanza (34 concesións e 377.924,76 euros) e A Coruña (37 concesións e 355.894,20 euros).
Entre os concellos con máis empresas beneficiarias destacan As Pontes de García Rodríguez (17 axudas e 124.688,72 euros concedidos), Mazaricos (16 axudas e 208.533,39 euros), Dumbría e Touro (10 axudas concedidas en cada un dos concellos). En total, o 100 % das axudas repártense entre concellos de menos de 10.000 habitantes, dos cales máis do 46 % teñen menos de 4.000.
"A través do programa PEL, estamos a construír un modelo económico máis xusto e sostible, que apoia directamente ás persoas emprendedoras e reforza o papel das pequenas empresas como motor do desenvolvemento local", sinalou a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.
8.130 empregos creados ao abeiro do PEL
Facendo balance, a Deputación lembra que desde a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local “consolidouse como unha das principais políticas públicas da institución provincial no impulso ao emprego e ao desenvolvemento económico”. En total, máis de 8.130 postos de traballo foron creados nos sectores público e privado ao longo dos últimos oito anos, grazas a este modelo de colaboración coas entidades locais e o tecido produtivo.
A listaxe das axudas concedidas está dispoñible no BOP da Deputación.