A Deputación da Coruña impulsa o emprendemento rural co 2º Rede Coworking Fest
martes, 9 de setembro do 2025
A Deputación da Coruña impulsa a segunda edición do Rede Coworking Fest 2025, en palabras da entidade provincial “unha iniciativa única en Galicia que demostra que crear empresa e innovar no rural non só é posible, senón que é o futuro”. Ao longo dunha semana, do 15 ao 21 de setembro, os once espazos que conforman a Rede Provincial de Coworking organizarán unha programación sen precedentes de case 100 horas de actividades completamente gratuítas e abertas ao público xeral.
A deputada responsable de Emprego e Industria, Rosa Ana García, destacou que "o obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer o que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendedores e emprendedoras da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxías e redes de contacto e apoiar aos sectores clave na provincia”.
Unha rede creada en 2019
A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comenzou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha do primeiro coworking no Pazo de Arenaza en Oleiros. Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria.
Segundo salienta a Deputación, “esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman atópase especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan; e ademais a meirande parte destes centros atópanse no rural coruñés e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal”.
Máis de 260 emprendedores e emprendedoras da provincia xa iniciaron os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación a través deste modelo.
Programación diversa e especializada
O Rede Coworking Fest 2025 presenta unha programación que abrangue desde xornadas de portas abertas ata formacións especializadas, pasando por obradoiros prácticos, charlas de especialistas, asesoramento personalizado a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais e ata unha feira labrega.
Entre as actividades máis destacadas figuran formacións técnicas e tecnolóxicas (seguridade e mantemento informático, adaptación ao sistema VeriFactu, viabilidade empresarial e economía social), eventos de networking (o I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo, que conectará tres coworkings en formato híbrido presencial-virtual), experiencias únicas (a Travesía do apoderamento con perspectiva de xénero, que combina navegación pola ría de Arousa con formación empresarial), contido audiovisual (gravacións en directo do podcast En Beta Permanente con emprendedores reais da provincia), visitas especializadas (xiras por hortas locais e centros de transformación agroalimentaria) e unha xornada de proxectos enerxéticos (incluíndo unha visita á división de Enerxías Renovables de Navantia).
Once espazos, once oportunidades
As actividades desenvolveranse simultaneamente nos 11 espazos que conforman a rede: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).
Cada espazo organizará actividades adaptadas ás súas especialidades sectoriais, “demostrando como o emprendemento rural pode ser tan dinámico e innovador como o urbano, coa vantaxe engadida da proximidade, a comunidade e a calidade de vida que ofrece o territorio coruñés”, informou a Deputación.
Precedente de éxito
A 1ª edición, celebrada en setembro de 2024 con 28 eventos diferentes, achegou máis de 100 horas de actividades e “demostrou a fortaleza deste modelo de emprendemento territorial”, sinalou a institución provincial.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a Rede de Coworking da Deputación é "un motor do emprego na provincia, e moi especialmente no ámbito rural, onde contribúe a fixar poboación e a crear postos de traballo e novas oportunidades laborais e empresariais nos municipios máis pequenos da provincia".
Información e inscricións
Todas as actividades do Rede Coworking Fest 2025 son completamente gratuítas e están abertas ao público xeral. As persoas interesadas poden consultar a programación completa e inscribirse nas actividades a través da web da Rede.
