A Deputación da Coruña impulsa obradoiros de capacitación dixital para a detección de violencias sexuais
venres, 5 de xullo do 2024
Este venres 5 de xullo arrinca no concello de Val do Dubra, na Asociación AVANTE, o primeiro dos obradoiros para a detección de violencias sexuais, impulsados pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña que dirixe Soledad Agra. As actividades desenvolveranse en 10 centros de atención a persoas con discapacidade da provincia da Coruña. Tras o deste venres, espallaranse polos concellos de Noia, Cee, Narón, Ortigueira, Oleiros, Ames, Boiro, Betanzos e Boimorto.
Cada obradoiro terá unha duración mínima de 2 horas e os contidos e metodoloxía estarán adaptados ás necesidades específicas de cada grupo, propiciando a participación activa das persoas usuarias.
Durante as sesións abordaranse contidos para a identificación e prevención das violencias dixitais, poñendo o foco en conceptos como a vixilancia, o control, o ciberacoso ou a sextorsión. De xeito transversal tamén se aproximarán á importancia da seguridade e do bo uso da tecnoloxía para cuestións básicas da vida cotiá.
Os talleres están enfocados “dende a perspectiva da redución de danos e diminución de riscos”, explicaron fontes da Área de Igualdade, engadindo que entre os obxectivos concretos figuran achegar información sobre posíbeis ameazas do mundo virtual (como pode ser a perda de control da propia imaxe) pero tamén abordarán cuestións en positivo sobre como facer un bo uso das novas tecnoloxías para o auto coidado. Farase fincapé na importancia de pedir axuda cando sexa necesario e de ter coñecementos sobre que tipo de actos son delitivos para saber identificalos.
Os obradoiros están impartidos por Verónica Ramilo Graña, traballadora social, sexóloga e fotógrafa que colabora en proxectos especializados en sexualidade e diversidade intelectual.
Próximos obradoiros
Os obradoiros celebraranse nas seguintes datas:
• 5 de xullo: AVANTE (Val do Dubra)
• 8 de xullo: Asociación Misela (Noia)
• 9 de xullo: AMARAI (Boimorto)
• 11 de xullo: ASPADEX (Cee)
• 16 de xullo: Asociación Nuestra Señora de Chamorro (Narón)
• 18 de xullo: ASPROMOR (Ortigueira)
• 19 de xullo: ASPADISOL (Oleiros)
Datas por confirmar: entidades de Ames, Boiro e Betanzos