A Deputación da Coruña incluirá novas funcionalidades tecnolóxicas no seu servizo de Teleasistencia
martes, 23 de xaneiro do 2024
A Deputación da Coruña vai dar un novo impulso ao seu servizo de Teleasistencia co comezo do novo ano. Así o deron a coñecer este martes 23 de xaneiro o presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e a deputada responsábel da área de Política Social, Mar García Vidal, durante unha visita ao Polígono de A Grela (A Coruña) a central desde onde a institución provincial presta o seu servizo de Teleasistencia Domiciliaria (TAD).
Na súa visita á Grela, Formoso destacou que “a día de hoxe, a Teleasistencia da Deputación acompaña durante as 24 horas, os 365 días do ano, a 3.846 persoas maiores en 90 concellos da provincia, ofrecendo tranquilidade para elas e as súas familias”.
Segundo engadiu, o servizo ampliou a súa cobertura á cidade de Ferrol e, ademais, “estamos despregando un novo servizo de Teleasistencia Avanzada, que xa utilizan preto de 200 persoas e que vai a ir substituíndo progresivamente o clásico colgante co botonciño vermello por un moderno reloxo que xa non está vinculado ao teléfono, o que permite maior autonomía e liberdade de movemento aos usuarios e novas funcionalidades como por exemplo a xeolocalización, que son moi útiles en caso de caída ou accidente”.
Formoso destacou que “nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, é fundamental un servizo coma este” e incidiu en que “o noso obxectivo é seguir levando a Teleasistencia da Deputación cada día a máis persoas, como os 119 ferroláns e ferrolás que xa usan este servizo, do que estamos profundamente orgullosos porque sabemos que é útil e mellora a vida das persoas”.
O presidente eloxiou tamén “o gran traballo que realizan as operadoras para acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se pasa algo hai alguén pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día”.
Unha asistencia de balde a través dos servizos sociais dos concellos
González Formoso engadiu que a Teleasistencia da Deputación é gratuíta para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. “Calquera persoa pode acceder demandándoo a través dos servizos sociais do seu concello”, dixo.
Carballo, con 215 persoas usuarias, Narón (213), Malpica (127), Oleiros (125), Ferrol (119), Ribeira (108) e Arzúa (99) son os municipios da provincia que contan con maior número de usuarios do servizo de Teleasistencia.
No seu balance, o presidente provincial sinalou que as teleoperadoras “realizan todos os días arredor de 510 chamadas de control desde a central co obxectivo de interesarse sobre o estado de saúde da persoa usuaria ou lembrarlles a hora da medicación”. O ano pasado, a central rexistrou un total de 186.281 chamadas.
Ademais, os usuarios e usuarias poden chamar á central durante as 24 horas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente, cando queiran falar coas operadoras.
A información de cada usuario ou usuaria queda rexistrada nun programa informático, co que se crea un expediente individualizado que permite un seguimento máis completo e eficaz.
O teléfono de información para solicitar a Teleasistencia Deputación é o 900 533 027.