A Deputación da Coruña intensificará a súa aposta polo emprego, a innovación e os novos contidos
martes, 12 de novembro do 2024
O Orzamento da Deputación da Coruña prosegue a súa liña ascendente dos últimos anos, achegando para 2025 unha cifra de 240.500.200 €, a maior cifra da historia da institución provincial, cun incremento de 18 millóns (+ 8,26%) con respecto ao presente exercicio.
Estes e outros datos foron achegados este 12 de novembro polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acompañado do vicepresidente Xosé Regueira, e do deputado de Ecomomía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo. A nivel tecnolóxico e innovador, explicaron que se intensifican os esforzos polo emprego e o emprendemento xerados na Rede Provincial de Coworking e que en 2025 comeza a funcionar a iniciativa Coruña Estudio Inmersivo, o maior escenario audiovisual virtual de España.
Respecto do emprego e o apoio aos sectores produtivos, os Orzamentos 2025 investirán 30,2 millóns de euros, arredor dun 12,5 % do total. O Plan de Emprego Local (PEL) será un dos grandes protagonistas neste ámbito, cun orzamento que pasa dos 15.9 a 16,2 millóns de euros (+1,8%). Formoso lembrou que, entre 2016 e 2024, a Deputación da Coruña destinou máis de 140 millóns de euros á creación de empresas e fomento do emprego, apoiado a 2.980 empresas e 4.159 autónomos e creando 7.196 empregos nos sectores público e privado a través das principais liñas do PEL.
“Estamos ante un Plan que non só impulsa a creación de emprego, senón que ademais aposta firmemente polo emprendemento, a innovación e o apoio ás pequenas e medianas empresas e as persoas autónomas”, afirmou o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, que anunciou que tamén seguirán impulsando a Rede Provincial de Coworking, que conta xa con 11 centros, e engadiu que “os orzamentos contemplan unha partida de 300.000 euros para ampliar o coworking do Pazo de Arenaza, que foi o primeiro que puxo en marcha a Deputación, e que conta cunha elevada demanda por parte dos emprendendores”.
No que atinxe aos contidos innovadores e á cultura, no vindeiro 2025 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial. Trátase, sinalaron, dunha infraestrutura que a Deputación da Coruña está construíndo actualmente na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9,5 millóns de euros cofinanciado con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que “pretendemos posicionar á provincia da Coruña no Hub Audiovisual de Europa”, apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, “ademais de supor unha importante proxección exterior de Galicia”.
Máis de 13 millóns para Cultura e Lingua
A Deputación destina o vindeiro ano 13.042.900 ás áreas de Cultura (+4,8%) e Lingua (+3%). Un dos principais programas, con máis de 2 millóns de euros de orzamento, volve ser a Rede Cultural, que levará actuacións culturais aos 93 concellos da provincia. A maiores, contémplanse liñas de subvencións para investimentos e actividades de centos de entidades culturais da provincia e apoio económico aos principais festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas.
Educación suma tamén un importante capítulo de investimentos co mantemento de centros como o IES Rosalía Mera (3.680.402) ou o IES Puga Ramón (4.608.816 €).