A Deputación da Coruña lanza axudas para achegar o público aos contidos en galego

luns, 2 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Estes días os contidos dixitais galegos están a recibir impulsos dende diferentes e importantes frontes. Por unha banda, temos o certame Youtubeir@s, que enfía a recta final da súa segunda edición e que comeza a ultimar os preparativos da gala de entrega de premios (o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña). Pola outra, temos pola banda de Bergantiños, o festival de webseries Carballo Interplay, que se desenvolve esta mesma semana e que, como lembraremos, ten unha sección específica para premiar producións dixitais galegas e en galego. A maiores de todo isto, a Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura que dirixe Goretti Sanmartín, vén de convocar as que serían as únicas axudas existentes hoxe en día, específicas, para a distribución audiovisual en lingua galega, unhas axudas que tamén impulsarían o fortalecemento da nosa industria no dixital.
As contribucións, en palabras de Sanmartín “unha acción única no noso panorama cultural” que busca “emendar as dificultades para asistirmos á proxección dos contidos de altísima calidade que se están a producir en galego”, inclúen un orzamento de 150.000 euros para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual de producións na nosa lingua. O prazo para presentar solicitudes está aberto até o 8 de maio.
Segundo engadiu Sanmartín, a produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes (TV, cinemas, Internet, cineclubs, redes e programacións públicas...) é “unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e artellar un espazo de referencias propio e recoñecíbel”.
A tamén responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, laiouse tamén de que “os contidos audiovisuais que nacen na nosa lingua infelizmente están en desvantaxe con respecto a outras culturais sen apoios específicos nun ámbito especialmente complexo como é o da distribución".
A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.

PUBLICIDADE