A Deputación da Coruña lanza axudas para innovar nas empresas

luns, 9 de abril do 2018 Redacción

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso

A Deputación da Coruña, no marco do seu Plan de Emprego Local 2016- 2019, vén de convocar axudas para a realización de actividades e actuacións de impulso empresarial. Esta liña (a liña PEL Emprende Actividades) inclúe subvencións para iniciativas innovadoras que sirvan para desenvolver unha empresa e para potenciar a súa competitividade. Entre estas iniciativas inclúense accións de consultoría, titorado, formación ou asesoramento relacionadas coa mellora ou implantación de medidas de responsabilidade social empresarial, mercadotecnia e comunicación, e espallamento de mercados.
“Estas medidas subvencionábeis”, sinala a Deputación”, “van destinadas principalmente a implantar na organización cambios e/ou ideas innovadoras que supoñan unha clara diversificación da actividade da empresa e incidan de maneira positiva nunha mellora na visualización da empresa e na eficacia dos procedementos internos da organización”.
Polo tanto, subvencionaranse os gastos relativos a colaboracións externas para asistencia técnica, gastos externos de auditoría, consultoría, asesoramento, formación e actividades ou actuacións relacionadas con melloras nos seguintes ámbitos: responsabilidade social empresarial, mercadotecnia (márketing) e comunicación, e competitividade e expansión.
As entidades poderán presentar con carácter xeral un orzamento mínimo de gasto de 2.500 € e máximo de 6.000 € (excluído IVE), do cal poderán solicitar, como máximo o 80% polo que o importe máximo da subvención para conceder con carácter xeral é de 4.800 € (excluído IVE), podéndose ampliar até os 5.520 euros no caso de colectivos desfavorecidos ou situados nalgún concello que conte cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
As actividades para desenvolver ao abeiro desta convocatoria deberán ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2018.
As bases reguladoras desta liña pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia nº 55 de 21.03.2018 ou premendo na seguinte ligazón bop.dicoruna.es. Para as persoas que queiran recadar máis información sobre esta nova iniciativa de apoios da Deputación da Coruña, teñen todos os datos que poden precisar na web de emprego da entidade provincial, emprego.dacoruna.gal.



PUBLICIDADE