A Deputación da Coruña lanza campaña nas redes en apoio da lectura e do libro galego

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación da Corurña impulsará a lectura e o libro galego a través dunha campaña en liña acada de lanzar dende a Área de Normalización Lingüística. Co título e lema Un outono cheo de letras, a iniciativa subliñará “o firme apoio que o ente provincial mantén coas persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun forte e clave peso simbólico e económico”, sinalaron fontes do dito departamento. A campaña chega ás redes sociais a través do cancelo #UnOutonoCheodeLetras. O obxectivo: enxalzar a importancia dos libros “na construción de sociedades abertas e libres e na formación das persoas.”
A iniciativa tamén reparará en como o libro galego contribúe a termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa lingua. A campaña, implicando a ilustradoras, escritoras, editoras, libreiras, xornalistas, busca dar visibilidade a estas creadoras e homenaxear a súa contribución para “axudarnos a soñar en galego, imaxinado novas vidas, para mellorar as nosas e tamén para sermos quen de comprender as dos que nos rodean, a través das páxinas dos libros”. Nesa arela terá nesta ocasión tamén un papel fundamental a referencia aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e o fomento da lectura.
Convidados a compartiren os contidos e o lema da campaña, os internautas serán protagonistas no espallamento dos valores de #UnOutonoCheodeLetras. Así, todas as persoas que participen en rede e fagan interacción coa iniciativa compartindo os contidos en Facebook, Twitter ou Instagram, entrarán no sorteo de 10 bonos-libro. Cada un destes bonos está valorado en 100 euros. Todas as persoas gañadoras poderán empregar estes abonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan.

PUBLICIDADE