A Deputación da Coruña lanza campaña turística nas redes con 52 xeitos de coñecer a provincia

martes, 6 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña vén de activar unha campaña de promoción turística nas redes sociais, que é onde ten acubillo e espazo para moverse, cada vez máis, o que por tradición se coñece como efecto “boca a boca”. Dito doutro xeito: é onde están, en relación co turismo, os segredos a voces e os achados que compartir. Aproveitando este fluír de recomendacións e este potencial de visualización, a entidade provincial (a través da área de Turismo que dirixe Xosé Regueira) lanzou 52 plans de fin de semana, que consiste en mostrar ao mundo, cada venres da semana, propostas para coñecer o territorio coruñés “de maneira activa”. A iniciativa non se limitará ao verán: prolongarase ao longo de todo ano até completar as 52 propostas e mesmo ir alén deste obxectivo.
A campaña collerá corpo de maneira especial en Facebook e Instagram, onde se dará conta de todo tipo de convites a visitar a provincia Coruña co gallo das súas incríbeis paisaxes, das súas festas gastronómicas, festivais ou das súas rutas. Contidos de promoción do patrimonio cultural, etnográfico e natural, eventos gastronómicos, culturais, festivos ou deportivos son algunha das temáticas que convidarán a persoa usuaria a coñecer de maneira activa o territorio da Coruña.
Tanto no muro de ambos perfís como en historias de Facebook e Instagram, cada venres desde este agosto ata o de 2020, iranse desvelando os distintos plans como propostas turísticas para a escapada da fin de semana. A iniciativa botou a andar nesta primeira fin de semana de agosto tendo como protagonista o festival de arte urbana Desordes Creativas de Ordes. A campaña estase a desenvolver baixo o cancelo #52findes.

PUBLICIDADE