A Deputación da Coruña lanza un mapa interactivo sobre financiamento europeo nos concellos

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Dende a Deputación da Coruña anunciábase o pasado venres 16 de novembro da chegada dunha nova ferramenta dixital que dará conta da variedade de programas e instrumentos financeiros da provincia e da participación dos diferentes axentes en cada un deles. Máis polo miúdo, a Deputación da Coruña, mediante o servizo Europe Direct, centro oficial de información da Comisión Europea (dependente desta institución provincial) era o encargado de presentar a dita ferramenta: un Mapa de financiamento europeo para a Coruña.
E cal é a finalidade deste novo recurso? Pois será a de valorar a participación que a provincia está a ter no marco orzamentario 2014/2020 de cara á negociación do vindeiro orzamento da Unión Europea para o período 2021/2027. Segundo informou o presidente da entidade coruñesa, trátase dunha radiografía da captación de fondos europeos que se está a facer no eido provincial, con 530 proxectos representados dun total dunha ducia de programas, amais de información sobre os axentes máis activos nos diferentes programas europeos: concellos, centros educativos, PEME, asociacións, ONG, axencias, organismos públicos ou fundacións.
O mapa artéllase en dúas fases. Na primeira, compila datos sobre oito programas europeos de xestión directa por parte da Comisión Europea (Europa cos cidadáns, LIFE, Erasmus +, Horizonte 2020, Conectar Europa, Programa PEME, Europa Creativa, Xustiza), así como catro programas de Cooperación Territorial Europea, financiados con FEDER, nos que poden participar entidades da provincia (Interreg Espazo Atlántico, Interreg Europe, Interreg España-Portugal, Interreg SUDOE).
O programa europeo que conta cunha maior participación por parte dos concellos é Europa cos cidadáns, con 29 proxectos dos 30 totais que até o momento lograron a aprobación da Comisión Europea neste período orzamentario.
Erasmus +, o programa europeo para educación e mocidade, figura a continuación coa participación de concellos coruñeses en 21 proxectos, que supoñen un total de case medio millón de euros. En total, os 310 proxectos Erasmus + aprobados na provincia supoñen un financiamento europeo de máis de 21 millóns de euros.
A Deputación tamén fixo saber que “sen tomar en conta ao tres concellos con maior poboación”, os municipios que están a ser máis participativos neste período orzamentario nos programas europeos mencionados son A Baña, Curtis e Abegondo. O mapa, aberto ao público, pódese consultar na web da Deputación.


PUBLICIDADE