A Deputación da Coruña licita por 6,1 millóns a adquisición do equipamento do estudo virtual da Cidade das TIC

luns, 26 de xuño do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña vén de licitar o equipamento tecnolóxico do estudo audiovisual virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI), emprazado na Cidade das TIC (o proxecto de conversión tecnolóxica da antiga Fábrica de Armas). Fíxoo cun orzamento de 6.118.970 euros, co-financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU.
A licitación inclúe a adquisición, instalación e posta en funcionamento do equipamento audiovisual do centro de produción virtual VPxR, que segundo estipula a entidade provincial deberá cumprir cos estándares de calidade requiridos polos principais operadores do sector (Netflix, HBO Max, Movistar+, Amazon Prime Video, Disney+...) para producións cinematográficas e audiovisuais.
O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que Coruña Estudo Inmersivo (CEI) "contará coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual e situará á provincia da Coruña como un polo de referencia neste eido, posicionándonos na vangarda internacional e mellorando a competitividade das empresas galegas do sector e de Galicia como localización de producións de cine, televisión ou videoxogos"
O fornecemento de material inclúe o sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular cun mínimo de 28 metros de longo e 6 de alto e resolución mínima de 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que “se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade”, explicou a Deputación, engadindo que este sistema de pantallas permitirá recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual. Irá emprazado nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.
A licitación inclúe a dotación de iluminación xeral e de reforzo, sistemas de cámaras e ópticas cos seus soportes e accesorios, sistema de tracking, sistema de escenografía virtual, xestión de media, infraestrutura de vídeo e rede de datos. Tamén se inclúe o sistema eléctrico e a dotación tecnolóxica das salas VFX e de posproducción. Todo o equipamento debe funcionar de forma integrada.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas na licitación remata o vindeiro 26 de xuño e o prazo de entrega será de cen días a partir da formalización do contrato.
Ademais do equipamento, a Deputación xa completou a redacción do proxecto de construción do edificio que albergará o CEI nun edificio de nova construción localizado na Cidade das TIC da Coruña, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros se reservan para albergar o escenario virtual.

PUBLICIDADE