A Deputación da Coruña presenta Mercanavila.gal aos comerciantes de Muros
xoves, 16 de outubro do 2025
A responsable de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, fixo este mércores 15 de outubro un recorrido polas rúas de Muros instando aos comercios a participar na plataforma Mercanavila, unha nova iniciativa de dinamización comercial, empresarial e social da Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
Durante a súa estadía na vila muradá, na que estivo acompañada pola tenente de alcaldesa e edil de Facenda, Caridad González; e polos concelleiros de Promoción Económica, Laura Rivadeniera; Igualdade, Maruxa Martínez e Deportes e Mocidade, Damián Torea, a deputada de Emprego resolveu todas as dúbidas sobre o proceso de adhesión dos establecementos interesados, que teñen como prazo ata o 20 de outubro ás 9:00 horas para participar.
Segundo lembrou, MercaNaVila “é un dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia nos últimos anos”.
Trátase, dixo, dunha iniciativa dotada con 6 millóns de euros e ten como principal obxectivo “apoiar ao comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes así como dinamizar as compras de proximidade”.
“MercaNaVila no só é unha ferramenta coa que se incentivarán as vendas, tamén é un piar para impulsar o comercio dos pequenos municipios”, afirmou a deputada, resaltando a importancia destes establecementos “porque representan un piar fundamental xa que actúan como motor económico e como xerador de emprego das nosas vilas”.
MercaNavila conta xa con máis de 700 comercios adheridos, 13 deles no municipio de Muros.
Os comercios interesados en participar deberán inscribirse a través da plataforma habilitada pola Deputación entre o 6 e o 20 de outubro. Unha vez rematado o prazo de adhesión, a cidadanía poderá descargar nos seus teléfonos móbiles os seus bonos desconto, de ata 100 euros por persoa, a partir do 20 de outubro a través da web mercanavila.gal.
Estes bonos permitirán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos.
Os incentivos estarán dispoñibles ata o 20 de novembro ou ata que se esgote o orzamento.
