A Deputación da Coruña presenta a páxina web da comarca do Eume: Eume Vivo

mércores, 9 de xullo do 2025 S. P.

O vicepresidente, Xosé Regueira presentou este mércores 9 de xullo a nova web da comarca do Eume, Eume Vivo. Fíxoo acompañado do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, e representantes dos concellos implicados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O obxectivo do portal é dar a coñecer os recursos turísticos dispoñibles no territorio así como “ofrecer información verídica e de calidade tanto aos turistas como á poboación local e aos axentes do sector”. Máis polo miúdo, búscase achegar “unha ferramenta máis para desenvolver turismo neste territorio, e para captar tanto un público xeral como profesional", tal e como sinalou Regueira. Así, a páxina dispón dun espazo dedicado ao turista e outro dedicado aos profesionais do sector.
No acto, no que tamén estiveron presentes representantes dos concellos implicados e parte do sector empresarial ca comarca, o vicepresidente puxo en valor o "sector privado" xa que "sen eles o turismo non ten sentido" xa que, tal e como explicou, "é moito máis que unha paisaxe bonita; iso é só a materia prima, pero a materia económica é a máis importante e, por iso, debemos apostar por este tipo de tursimo que xera oportunidades de negocio e empregabilidade no territorio".
Ademais, Regueira sinalou que o seguinte paso é a creación e venda de paquetes turísticos, para "ofrecer experiencias turísticas completas e atractivas e buscar, así, a rendabilidade económica para as empresas da comarca que están apostando polo territorio e para o propio Plan de Sustentabilidade Turística que promovemos dende a Deputación".