A Deputación da Coruña presenta a páxina web de Os Fogóns do Anllóns
luns, 7 de xullo do 2025
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentou en Espazo Nature o espazo web de Os Fogóns do Anllons, unha nova plataforma dixital para visibilizar e reivindicar produtos turísticos, gastronómicos, culturais e hostaleiros do territorio polo que conflúe o río Anllóns na comarca de Bergantiños, poñendo o foco na sostibilidade, a autenticidade e o desenvolvemento local. Trátase de produtos que se poden reservar durante todo o ano, e que inclúe rutas mariñeiras, estadías rurais ou visitas a produtores locais.
Regueira destacou a importancia de que o turismo "xere negocio" e, tal e como explicou, "iso pasa por crear produtos de calidade como este", nun acto no que o acompañaron representantes dos concellos implicados no Plan (Coristanco, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo e Ponteceso) e do sector empresarial da comarca.
O vicepresidente tamén puxo en valor a colaboración público – privada deste plan, "fundamental para continuar avanzando nun turismo de calidade e rendible".
O turismo, dixo, “non é so unha foto bonita; o turismo é un negocio que se materializa ofrecendo un paquete, unha experiencia turística nun perfil onde a xente merca, como é este portal que hoxe presentamos”.
Os Fogóns do Anllóns pon en valor a riqueza gastronómica do territorio a través de produtos cun forte arraigamento local, como o berberecho do Anllóns, o percebe do Roncudo, o pan de Carballo ou as patacas de Coristanco. A esta oferta súmanse as paisaxes, o patrimonio etnográfico e a cultura mariñeira dos municipios que integran a zona.
As experiencias foron deseñadas tras unha análise previa do territorio e un proceso de participación social con empresas locais, as cales achegaron o seu coñecemento e experiencias, adaptándose aos novos hábitos de consumo do visitante e contribuíndo a diversificar a oferta turística.
A nova plataforma facilita a reserva directa, permitindo ao turista planificar estadías máis longas e combinar distintas actividades en contacto coa contorna. Con iso, búscase captar un perfil de visitante que valore a calidade, a sostibilidade e a conexión coa comunidade local.
