A Deputación da Coruña presenta unha aplicación para mellorar a seguridade nas praias da provincia

martes, 13 de agosto do 2024 S. P.

O Náutico de Razo (Carballo) acolleu na mañá deste 13 de agosto a presentación dunha ferramenta tecnolóxica que permite mellorar o control, a comunicación e a seguridade nas praias da provincia da Coruña. A aplicación móbil, impulsada pola Deputación da Coruña, foi debullada polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o responsábel da firma Ceus World, David Varela. Participaron representantes dos concellos de Carballo, Ribeira, A Laracha e Arteixo.
Segundo sinalaron, trátase dun proxecto piloto que a Deputación está a desenvolver da man da dita firma e que se está implantando nas praias de Barrañán (Arteixo), Razo (Carballo), Caión (A Laracha), O Vilar (Ribeira) e Pantín (Valdoviño).
Regueira puxo en valor a utilidade desta aplicación, "tanto para a recollida de datos como para a mellora da seguridade nas nosas praias: dúas cuestións prioritarias para esta administración". Neste sentido, apuntou, "os datos en tempo real tanto sobre os usuarios das praias, como sobre os rescates e incidentes, permitirannos ofrecer unha experiencia máis segura e, ao mesmo tempo, analizar o perfil que nos visita para avanzar en estratexias de planificación turística". O obxectivo é "que a experiencia turística sexa positiva, e que os nosos areais sigan destacando pola súa calidade e seguridade", sinalou.
Pola súa banda, o director executivo (CEO) de Ceus World, David Varela, destacou a importancia de que "os concellos se involucren nos procesos de salvamento e socorrismo", e sinalou a principal finalidade da aplicación móbil, que é "reducir os tempos de actuación dos servizos de emerxencia, e poder coñecer de antemán que está sucedendo nas praias, o que é vital para os socorristas". A nivel turístico, explicou que a aplicación servirá para "coñecer a procedencia dos visitantes" e, ademais, para mellorar a experiencia e seguridade "tamén de persoas con discapacidade auditiva ou motora".