A Deputación da Coruña reclama que R siga emprestando servizo dende Galicia

venres, 13 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

As reivindicacións das traballadoras e traballadores da operadora de telecomunicacións R, das que falamos os días pasados salientando o seu interese en evitar a deslocalización e a desgaleguización, veñen de atopar un novo apoio na Deputación da Coruña, que reclama que a compañía de cable de raizame galega e as súas empresas auxiliares sigan prestando servizo dende a nosa terra. A decisión foi aprobada no pleno da entidade, a instancias dunha moción do BNG e do PSOE, no que se solidarizaban coas peticións do equipo laboral e coa súa arela de que os servizos de operación e mantemento de rede a atención ao cliente de R Cable sigan sendo fornecidos dende Galicia.
A idea, reflicte a Deputación, é “garantir tamén que a atención ao cliente se faga na nosa lingua”. Neste senso, a entidade provincial dirixirase (como consta no texto da moción aprobada) a R Cable e Euskaltel (o grupo do que forma parte R) para que inicien un proceso de negociación co persoal de cara a acadar unha solución. A institución lembra que a iniciativa está motivada polo recente acordo polo que Euskaltel formaliza a entrega á empresa chinesa ZTE dos servizos de operación e mantemento da rede que até o momento prestaban no territorio galego compañías como Comfica, Colabora, Indra ou Plexus “sen a subrogación do persoal á nova adxudicataria nin garantir novas contratacións na nosa terra”. Ao abeiro deste proceso, indica a Deputación, a consecuencia directa é “a perda de 18 postos de traballo da empresa Comfica” e “o anuncio da redución de persoal en Indra cunha perda de emprego que afecta tamén a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica que Euskaltel está a levar fóra do territorio galego”.

PUBLICIDADE