A Deputación da Coruña reúne no Pazo de Arenaza a emprendedores da provincia para abordar o impacto da IA

mércores, 27 de maio do 2026 S. P.

O Coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros, é este mércores 25 de maio un punto de encontro de startups, empresas, profesionais e axentes do ecosistema tecnolóxico galego. En concreto, estase a celebrar no Pazo unha nova edición da Startup Europe Week 2026, organizada pola Deputación da Coruña no marco do seu Plan de Emprego Local (PEL).
A cita, que se desenvolve entre as 9:30 e as 14:00 horas, alcanza este ano a súa sétima edición impulsada pola institución provincial e poñerá o foco na intelixencia artificial e nas tecnoloxías emerxentes como ferramentas clave para transformar os sectores produtivos, impulsar novos modelos de negocio e acelerar proxectos empresariais innovadores.
A Deputación explica que “nun contexto no que a IA está a redefinir a economía, a industria e os servizos, apostamos por achegar estas tecnoloxías ao tecido empresarial da provincia, especialmente ás pequenas empresas, persoas emprendedoras e proxectos en fase de crecemento”.
O obxectivo é “favorecer a dixitalización, mellorar a competitividade e xerar espazos de conexión entre talento, coñecemento e empresa”, engaden fontes da Administración provincial.
A xornada arrancará ás 9.30 horas coa recepción das persoas asistentes e a presentación oficial por parte do equipo xestor do Coworking do Pazo de Arenaza, centro integrado na Rede Provincial de Coworking da Deputación.
Deseguido desenvolverase un programa de intervencións centradas na innovación, o emprendemento dixital e a aplicación práctica da intelixencia artificial. Entre os relatores figuran Jesús Lage, responsable de Emprendemento do Clúster TIC Galicia, que presentará o programa Tech Angels; Gerardo García Yebra, cofundador de Financenova IA, centrado en solucións intelixentes aplicadas ás finanzas; e Dayana Barrera Farías, co-fundadora de Global Eco Transfer
O panel completarase coa participación de José Delgado e Rocío Bardón, representantes de Qaroni, e de Ana Rute Mendes e Xabier Rodríguez Calvar, socios de Igalia, compañía galega de referencia internacional no ámbito do software libre e das tecnoloxías abertas.
Ademais dos relatorios, a Startup Europe Week manterá un dos formatos máis participativos das súas últimas edicións: o World Café. Este espazo permitirá abrir conversas directas entre emprendedores, empresas e asistentes para compartir experiencias, identificar necesidades comúns e analizar como a intelixencia artificial pode aplicarse a proxectos reais.
A programación incluirá tamén a intervención de Manuel García García, mentor experto do programa Provincia Emprendedora, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). A súa intervención estará centrada nas claves para a captación de investimento e no acompañamento a proxectos con potencial de crecemento.
O peche da xornada correrá a cargo de Rosa Ana García, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica.