A Deputación da Coruña traballa en fórmulas de inclusión dixital para as persoas maiores

martes, 10 de maio do 2022 S. P.

A deputada provincial Ana Lamas debullou este martes 10 de maio as fórmulas nas que traballa a Deputación da Coruña para rematar cos muros de exclusión dixital que afectan ás persoas maiores e facer a administración máis accesíbel para as persoas maiores. Fíxoo co gallo dunha reunión coa plataforma de pensionistas de Cigarreras e Tabaqueros, que demanda medidas para que as entidades bancarias melloren a atención aos maiores.
Ana Lamas dixo que amais dalgunhas medidas que “xa están en funcionamento”, como “o acordo con Correos para facilitar o pagamento de tributos en calquera municipio da provincia a través da súa rede de oficinas ou dos carteiros”, o Goberno provincial traballa nunha serie de iniciativas e de estratexias “que faciliten que a cidadanía poda realizar os seus trámites administrativos coa Administración Electrónica de forma sinxela”, mediante a creación de puntos de inclusión dixital nos que se axude ás persoas a realizar trámites online ou reforzando a atención presencial á cidadanía.
O colectivo considera que o peche continuo de oficinas bancarias, a falta de atención personalizada, a redución de horarios de atención ao público e a posta en marcha de “servizos exclusivamente electrónicos” dificultan cada vez máis o acceso das persoas maiores aos bancos, “unha situación que se agrava aínda máis mo ámbito rural”, sinalaron na reunión, reclamando un decálogo de medidas a pór en marcha para loitar contra esta exclusión. Por exemplo garantir a atención personalizada e a posibilidade de obter cartos en efectivo, que se eliminen os importes mínimos e as comisións para retirada de cartos no portelo, a gratuidade das contas bancarias dos pensionistas, axudas persoais aos clientes maiores para o manexo da tecnoloxía e que os caixeiros estean localizados en zonas interiores das oficinas bancarias por seguridade.
Ana Lamas comprometeuse a trasladar as súas propostas aos diferentes grupos políticos da Deputación e levalas ao pleno provincial en forma dunha moción ou declaración institucional para mostrar o apoio da institución "a unhas demandas que teñen todo o sentido do mundo".

PUBLICIDADE