A Deputación da Coruña únese á Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial impulsada pola Cámara

mércores, 17 de xaneiro do 2024 S. P.

A Deputación da Coruña asinou este martes 16 de xaneiro un convenio de colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña como mostra do seu apoio á Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña (OPTI) e a súa área de influencia (OPTI), en funcionamento desde marzo de 2023.
Para o presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro Méndez, “contar co apoio da Deputación achegará á OPTI un impulso de gran valor para poder continuar promovendo a implantación de novos proxectos industriais na área, algúns dos cales están xa en vías de negociación e poderían ver a luz nos vindeiros meses”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, destacou a importancia deste acordo para impulsar a atracción de novas iniciativas e investimentos industriais e tecnolóxicos á comarca coruñesa “nun momento no que temos por diante un reto importante, xa que os próximos catro anos serán os últimos para a adxudicación dunhas cantidades moi importantes de fondos europeos que nos van a permitir un cambio de modelo socioeconómico en Galicia baseado nos eixos vectores que establece a Unión Europea: dixitalización, transición enerxética e economía circular”, afirmou.
A Oficina ten como principal obxectivo captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, sobre todo no contexto da Industria 4.0.
Desde que iniciou a súa actividade, a OPTI alcanzou acordos cos principais axentes de xestión de chan industrial, como poden ser Xestur ou SEA (Solo Empresarial do Atlántico); amais de alianzas con entidades como a Universidade da Coruña para establecer sinerxías coa Cidade das TIC, coa Autoridade Portuaria da Coruña ou co concello de Carballo. Nos vindeiros meses está previsto que se subscriban convenios de colaboración con outras entidades, públicas e privadas da área.

PUBLICIDADE