A Deputación da Coruña visita o coworking da Capela, que xa está a pleno rendemento

venres, 22 de outubro do 2021 S. P.

Esta semana, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, visitou o espazo de coworking da Capela, un dos novos centros de emprendemento innovador impulsado na provincia, abeirado á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación. O presidente salientou o empuxe do coworking da Capela, que malia ter aberto as súas portas hai ben pouco, xa conta con trece proxectos empresariais aloxados nas súas instalacións. Na visita Valentín González estivo acompañado do alcalde da Capela, Manuel Meizoso.
As instalacións sitas no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves contan cunha superficie de preto de 180 metros cadrados e capacidade para acoller ata once persoas emprendedoras. A Deputación e o Concello da Capela sumaron forzas para acondicionar este espazo a través de actuacións de renovación que contaron cun investimento de 75.000 euros, dos que o 80% (60.000 euros) foron achegados polo ente provincial.
O edificio pretende ser referente na creación de emprego e na reactivación da economía no rural. "Iniciamos a andaina dun novo centro de coworking provincial co que desde a Deputación, xunto co Concello da Capela, buscamos ofrecer novas oportunidades á mocidade e reactivar a economía e o emprego no rural para evitar o despoboamento a través da creación de novos postos de traballo", sinalou González Formoso. O centro recibiu xa ás primeiras persoas usuarias a comezos de outubro e conta na actualidade con trece iniciativas, atopándose case ao 100% da súa capacidade.
A zona de traballo divídese en 3 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha, ademais dun espazo de traballo conxunto con 8 postos e unha ampla sala de reunións. Nas instalacións acolleranse proxectos pertencentes a sectores como o de organización de eventos, pasando por empresas de experiencias turísticas no Eume, reparación e custodia de cavaranas, ocio e coidado infantil, ata negocios de asesoramento financeiro, construción de vivendas sustentábeis e eficiencia enerxética.
O coworking da Capela foi o sétimo centro en sumarse á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación que a día de hoxe xa integran nove centros: o Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking de Carballo, Daquí Darredor en Brión, Lab Barbanza de Boiro, A Proa en Ames, A Fusquenlla en Moeche, A Estación de Vedra e o Green Coworking das Pontes.

PUBLICIDADE