A Deputación de Lugo abre 2018 achegando aos maiores da provincia 51 obradoiros TIC

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo comeza 2018 apostando forte polas novas tecnoloxías e, tamén, por acurtar a distancia entre estas ferramentas (cheas de posibilidades e vantaxes para o noso día a día) e a cidadanía. Froito deste compromiso renovado polo dixital son os 51 cursos e obradoiros que a entidade provincial vai celebrar durante o primeiro trimestre de ano, ao abeiro do programa InLugo. As actividades foron dadas a coñecer hoxe polo presidente da Deputación, Darío Campos, nun multitudinario encontro os usuarios de InLugo e das súas vertentes formativas e de envellecemento activo pola vía TIC. Serán, en total, 731 prazas, dirixidas todas elas aos maiores da provincia.
Segundo fixo saber Darío Campos, a dita programación vai alén do puramente formativo, entra de cheo nos terreos do social, da saúde, do participativo e do inclusivo. “O fomento do uso das novas tecnoloxías entre os maiores da provincia”, explicou, “desempeña un importante labor social do que me sinto especialmente satisfeito”. Segundo engadiu, este compoñente social vese reflectido na alta demanda, “xa que as diversas actividades organizadas en 2017 superaron os 2.500 usuarios”.
Campos tamén fixo fincapé na utilidade das ferramentas dixitais, non só como canles de información e comunicación, senón tamén como recursos para estarmos no mundo: “Son útiles porque nos axudan no noso día a día e permiten que esteamos en contacto cos nosos seres queridos e coa sociedade en xeral, algo especialmente importante cando nos imos facendo maiores, porque promoven un envellecemento activo e favorecen a nosa autonomía”.
Campos dixo aos usuarios que asistiron ao acto que “sodes a mellor proba de que aprender non ten idade, e todo un exemplo para aquelas persoas que cren que son demasiado maiores para introducirse neste mundo”. Por esta razón, convidou aos participantes de InLugo a que comproben “que o uso de Internet ou dos móbiles é moito máis doado do que parece”.
As novidades do programa
Das 51 actividades que inclúe a programación do primeiro trimestre, 28 serán cursos ordinarios. Segundo concretou o presidente da Deputación, haberá novamente actividades formativas básicas de uso de Internet ou móbil para aqueles que estean a dar os seus primeiros pasos na Sociedade do Coñecemento. Polo que respecta ás novidades, salientou a convocatoria de “obradoiros máis específicos”, como os de banca electrónica ou talleres sobre servizos de mensaxes instantáneas como Messenger ou Whatsapp. Asemade, engadiu, incrementarase o número de talleres adicados ao retoque fotográfico, unha das actividades máis demandadas polos usuarios.
Os outros 23 cursos serán de repaso. “Neste caso están especialmente destinados aos maiores que xa participaron nos cursos habituais. O obxectivo é refrescar o aprendido, polo que teñen uns contidos moi prácticos”.
Aberto o prazo de inscrición
O máximo responsábel provincial anunciou que o prazo de inscrición para o primeiro trimestre ábrese hoxe mesmo, 11 de xaneiro, e animou aos interesados “a que se apunten canto antes xa que as prazas soen cubrirse ás poucas horas”. De feito, dixo, en 2017 houbo máis do dobre de inscritos que de prazas. As persoas interesadas poden reservar praza a través das webs www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

PUBLICIDADE