A Deputación de Lugo achega un novo curso de especialista en territorio rural Intelixente

luns, 30 de setembro do 2024 S. P.

A Deputación de Lugo abre este 1 de outubro o prazo de inscrición dun novo curso de Especialista en Territorio Rural Intelixente, unha acción formativa totalmente gratuíta que se desenvolverá do 25 de outubro ao 15 de decembro en Monforte de Lemos. Esta iniciativa, impulsada por segundo ano consecutivo pola institución provincial, está destinada a todas as persoas interesadas no desenvolvemento e revitalización do ámbito rural, que poderán anotarse ata o 20 de outubro cubrindo o formulario dispoñíbel (deste este 1 de outubro) na páxina web provincial.
O curso, deseñado pola Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico impartida polo xornalista Manuel Campo Vidal, ofrecerá 20 horas de formación na modalidade online e presencial nas que subministrará ao alumnado ferramentas prácticas para fomentar a sustentabilidade, a dixitalización e a organización de proxectos no medio rural. O obxectivo principal é “capacitar ás persoas participantes para que contribúan de maneira activa á recuperación e innovación das zonas rurais, favorecendo así o seu futuro desenvolvemento”.
A acción formativa contará este ano con 100 prazas, 25 máis que o curso anterior. Entre os docentes que impartirán as formacións figuran, ademais de Manuel Campo Vidal: Javier Rodríguez Yera, enxeñeiro de enerxías; Aquilino Antuña, enxeñeiro de telecomunicacións; Iago Campo, experto en eficiencia enerxética e un directivo de Hispasat. Está previsto que o vindeiro 6 de novembro teña lugar a clase presencial, que se desenvolverá entre as 17.00 e as 20.00 horas no embarcadoiro de Ponte do Sil da Deputación de Lugo, en Monforte de Lemos.