A Deputación de Lugo achegará 50.000 euros para a creación en Trabada dun centro TIC

venres, 6 de outubro do 2023 S. P.

Este venres 6 de outubro a Deputación de Lugo aprobaba unha achega económica da institución provincial co Concello de Trabada por máis de 48.000€ para a construción dun centro de novas tecnoloxías na parroquia de Vilaformán, na Mariña Oriental.
Segundo o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón: “Trátase dunha iniciativa de carácter innovador impulsada pola alcaldesa e tamén deputada provincial, Mayra García, que vai favorecer o acceso e o uso das novas tecnoloxías no rural, e con isto dinamizar a vida social e económica do municipio”. Engadiu que o novo servizo, que se situará no antigo teleclub, emprestará atención de xeito directo a medio cento de veciños e veciñas da parroquia, pero tamén á veciñanza de todo o concello.
O proxecto servirá para poñer a punto 131 m² deste edificio, separado en dous espazos: nun deles instalaranse mesas con computadores e noutro, a maiores, un proxector cunha pantalla. Neste espazo levaranse a cabo actividades como: cursos relacionados con actividades do rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos informativos.
Engadir que os traballos consistirán na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación existentes, na demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente. Asemade estruturarase o espazo e a construirase un aseo adaptado. O prazo de execución das obras será de dous meses, dende o comezo.

PUBLICIDADE