A Deputación de Lugo achegará faladoiros feministas ás redes sociais

mércores, 15 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo vai impulsar nas redes sociais unha serie de vídeos que reivindican a presenza activa das mulleres en todos os eidos sociais, económicos, políticos, artísticos, científicos e culturais. Trátase do ciclo de Faladoiros Feministas, que achegan á sociedade lucense (e ao mundo enteiro a través das redes sociais) unha serie de encontros in situ con mulleres referenciais en cadanseus ámbitos de actividade, todos eles co obxectivo común de “avanzar na transformación social cara a igualdade”. O ciclo foi dado a coñecer hoxe no Pazo de San Marcos (sede da Deputación) pola coordinadora do Foro Feminista Maruja Mallo, Carmen Díaz Simón, e máis pola deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García.
O programa comezará este venres co faladoiro de Towanda Rebels, ás 20:00 horas no Vello Cárcere de Lugo. Continuará ata o mes de maio coa celebración doutras catro citas, nas que intervirán Ana Iglesias, o 28 de febreiro; Marta Busquets, o 13 de marzo; Carmen Castro, o 24 de abril, e Mabel Lozano, o 22 de maio. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Presentación do ciclo, celebrada este mércores no Pazo de San Marcos

Esta iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo ten a finalidade concreta de “conectar o feminismo coa cidadanía”, dando alternativas para “situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas”. A Deputación colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa gravación dos faladoiros e a súa difusión en redes sociais a través do departamento de servizos audiovisuais (SdeA)
As conferencias
17 de xaneiro. Faladoiro con Towanda Rebels. É unha canle de comunicación con presenza activa no YouTube, de corte feminista e integrada por Teresa Lozano e Zua Méndez, comunicadoras e amigas, que atopan no feminismo unha forma de ser, de entender e de mirar a vida.
28 de febreiro. Faladoiro con Ana Iglesias. Decana en Ciencias da Educación pola UDC, doutora en Psicopedagoxía e coautora de Educar en la ciudadanía, obra que sinala a necesidade de asumir a desigualdade de xénero como un dos núcleos estruturais que dificultan o pleno desenvolvemento da cidadanía.
13 de marzo. Faladoiro con Marta Busquets, licenciada en Dereito que se especializou en Dereito sanitario centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade.
24 de abril. Faladoiro con Carmen Castro, activista e feminista, e autora do libro Políticas para la igualdad.
22 de maio. Faladoiro con Mabel Lozano. Escribiu no 2017 El Proxeneta, unha historia real contada en primeira persoa, sobre un tratante de mulleres. No libro repasa a evolución da prostitución e a trata en España desde a década dos 80.

PUBLICIDADE