A Deputación de Lugo acorda achegar 10,6 millóns aos concellos no seu primeiro pleno telemático

xoves, 2 de abril do 2020 Sonia Pena

A Deputación de Lugo celebrou por vez primeira na historia un pleno telemático: unha sesión extraordinaria na que se aprobou o Plan Único 2020, a través do cal 67 concellos da provincia poderán dispor de máis de 10,6 millóns de euros para impulsar medidas sociais ante a pandemia de COVID-19.
En total, acordouse no pleno temático, retransmitido en streaming a través de YouTube (con dúas horas de duración), inxectar de maneira directa nos municipios lucenses 21,3 millóns de euros, 300.000 máis que o ano pasado, “un auténtico pulmón de osíxeno para todos os concellos na situación de crise sanitaria e tamén económica que estamos padecendo”, subliñou o presidente, José Tomé Roca.
Segundo engadiu o presidente, o Plan Único “contribuirá non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o Estado de Alarma”. Este programa repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, “o que axudará a recuperar o pulso das economías locais”, sinalou.

PUBLICIDADE