A Deputación de Lugo apoia a dixitalización dos arquivos históricos de Castro Ribeiras de Lea

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo vai financiar o proxecto Castro na Memoria, que se dirixe a dixitalizar os arquivos históricos de Castro Ribeiras de Lea, máis de 200 arquivos. Así o fixo saber hoxe o presidente da Deputación, Darío Campos, que lembrou que a devandita iniciativa vén da man da asociación cultural Gaia de Lea e que a contía que a entidade provincial lle dedica é de máis 10.387 euros. Campos achegou esta información nunha vista á localidade de Castro de Ribeiras de Lea, na compaña dos membros da devandita entidade veciñal, cos que puido coñecer ao detalle os detalles da súa proposta de dixitalización.
Segundo informaron, trátase dunha iniciativa “coa que se busca recuperar a traxectoria histórica da vila”, a través da recuperación e posta en valor de documentos históricos como fotografías, proxectos, informes. Tamén se fixo saber que até o de agora son xa máis de 200 os arquivos documentados. O documento histórico máis antigo xa dixitalizado data de 1750, é trátase dun documento do primeiro catastro de Castro de Rei
Campos Conde subliñou “a importancia que supón para o Goberno da Deputación colaborar neste proxecto, co que se busca preservar e divulgar a identidade cultural da nosa provincia, que é a maior das riquezas que temos como sociedades. É por esta razón pola que colaboramos coa Asociación Cultural de Gaia, por ser un proxecto no que ademais de participar os veciños da propia vila, que son os que levan os seus documentos para seren dixitalizados e almacenados, busca divulgar o patrimonio histórico, social e cultural de Castro”.
O proxecto en Castro na Memoria, cuxo director e coordinador é Ricardo Lamela Castro, recibe o financiamento do Goberno da Deputación para o mantemento da plataforma dixital na que se almacenan os documentos; a presencia en redes así como o mantemento da oficina física que ten esta asociación na Antiga Biblioteca de Castro de Ribeiras de Lea onde se facilita o proceso de dixitalización dos arquivos.

PUBLICIDADE