A Deputación de Lugo apoiará a dixitalización da Fundación Bal y Gay

luns, 19 de outubro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo achegará 13.000 euros á Fundación Bal y Gay para potenciar as súas actividades a través de medios dixitais. O obxectivo é a creación dunha “imaxe atractiva e dinámica a través dunha nova web”; a posta en marcha dunha canle de Youtube que visualice os proxectos da entidade; e a contratación de servizos de comunicación e mercadotecnia para a difusión en medios.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o representante da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, asinaron no Pazo de San Marcos a subvención excepcional que lle outorga a institución provincial a esta entidade por un total de 13.000 euros. Esta colaboración permitiralle á fundación levar a cabo un proceso de dixitalización e implantación de novas tecnoloxías para maximizar o alcance das súas actividades, lembrou o presidente provincial.
Na sinatura tamén se fixo saber que a fundación creou no ano 2014 o Festival Bal y Gay co fin de achegar a música clásica á comarca da Mariña onde a accesibilidade a esta era moi limitada, e dende aquela cada edición do certame consolidouno como “un incentivo turístico tanto para a comarca mariñá como o resto da provincia polo gran número de persoas que participan en cada edición no Festival Bal y Gay”.

PUBLICIDADE