A Deputación de Lugo aposta pola innovación e a investigación tecnolóxica no Campus Terra
martes, 10 de setembro do 2024
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes 10 de setembro no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, mediante o cal a institución provincial achega a esta entidade un total de 9.500€. Trátase dun acordo entre a Deputación, a USC, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para “promover actividades de investigación tecnolóxica, favorecer a difusión no medio económico e social e impulsar a súa dinamización a nivel interno entre a propia comunidade universitaria”.
José Tomé avanzou que “dende a Deputación de Lugo renovamos este acordo de colaboración demostrando así o firme compromiso que mantemos na nosa institución co desenvolvemento do eido da investigación, a innovación e o coñecemento científico”.
Pola súa banda, o Reitor da USC, Antonio López, cualificou de “fundamental” o apoio institucional recibido por parte da Deputación para “fortalecer o músculo investigador do Campus de Lugo”, clave no desenvolvememento do sector agroalimentario e forestal de Galicia. López lembrou que a dotación deste convenio serve para dinamizar a captación de recursos e proxectos, así como a difusión dos resultados das actividades de I+D+i que teñen como finalizade última “impactar na cidadanía e mellorar a súa calidade de vida”.
As iniciativas que se inclúen nesta colaboración e que se desenvolven a través do Campus de Lugo van dirixidas a dar a coñecer entre o profesorado da Universidade os proxectos e as convocatorias de I+D+i realizadas por distintos organismos e entidades a nivel autonómico, estatal e internacional. Nesta actuación inclúese tamén o apoio, mediante persoal técnico, na elaboración de propostas das distintas convocatorias. Así mesmo, tamén se introduce a captación de recursos e proxectos para diferentes áreas e a difusión dos resultados dos proxectos e actividades de I+D+i do Campus de Lugo nos medios de comunicación, o que favorecerá a transferencia de coñecemento ao conxunto da sociedade.
O orzamento total deste convenio ascende ata os 62.800€, dos cales Caixa Rural Galega achega un total de 50.000€, a Universidade 3.300€ e a institución provincial a contía restante (9.500€).