A Deputación de Lugo aproba os equipos e servizos que achegará aos 52 concellos adheridos a Impulsa TIC

venres, 24 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación de Lugo aprobou os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC. Así o anunciou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que esta iniciativa é posíbel grazas aos 4,5 millóns de euros de fondos europeos que conseguiu a institución a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, “para colaborar coas entidades locais na transformación dixital e mellorar así o servizo que prestan aos seus veciños e veciñas”.
Segundo fixo saber, “o tipo de equipamentos e servizos que aprobamos entregar aos concellos beneficiarios atende á realidade e ás necesidades que as propias administracións locais nos trasladaron, respectando así a autonomía municipal, e seguindo criterios obxectivos para a súa distribución, dun xeito semellante ao que facemos co Plan Único do Goberno”, explicou o deputado, quen detallou os diferentes usos do soporte que fará chegar a institución provincial. En concreto, dixo, “haberá material destinado á mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital a través da interoperabilidade entre sistemas, para favorecer así as sinerxías e a colaboración entre entidades; tamén á creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais; e finalmente, á apertura, a transparencia e a accesibilidade dos propios concellos a través de diferentes ferramentas dixitais, a implantación dun chat de asistencia para axudar ao cidadán ou a implantación dun módulo de transparencia”.
Unha vez que a xunta de goberno aprobou hoxe os equipamentos e servizos, o seguinte paso será licitar os contratos para adquirilos e logo distribuílos.

PUBLICIDADE