A Deputación de Lugo bota man das redes para impulsar as compras no comercio local este Nadal

martes, 5 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación, o Concello e a Federación de Comercio de Lugo presentaron hoxe a campaña Merca e Gaña polo Nadal, destinada a fomentar que a cidadanía opte polos establecementos locais, de proximidade, para as súas compras deste remate de ano e comezos do vindeiro. Na presentación da iniciativa, na que tamén participou ABANCA, fíxose fincapé nas diferentes facianas comunicativas da campaña de sensibilización, que se vai materializar a través de distintos soportes promocionais, sendo a páxina web www.nadalmercaegana.com un dos principais referentes. A iniciativa está a ser promovida pola Deputación a través de todos os colectivos que integran a Federación de Comercio de Lugo, e coa que colabora o Concello na capital. O obxectivo? Promover as compras nos máis de 5.500 establecementos de toda a provincia. Haberá premios de até 10.000 euros para reinvestir nos comercios.
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estas datas, ademais de incentivar as compras no comercio local con contidos de promoción nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co cancelo #nadalmercaegaña; as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 cartóns agasallo de 300 euros e 20 tarxetas máis de 200 euros. Para isto, débese fotografar o tícket da compra e rexistralo en www.nadalmercaegana.com, ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 12 de xaneiro. Para máis información, na presentación da campaña recomendouse facer seguimento da mesma a través de www.nadalmercaegana.com e nas redes sociais.
O deputado Álvaro Santos Ramos, presente na cita de hoxe, salientou que “as compras polo Nadal supoñen entre o 25% e o 30% do total das vendas anuais do comercio, sendo unhas datas prioritarias para este sector”. Con esta campaña, engadiu, “queremos contribuír ao impulso dos máis de 5.500 establecementos dos 67 Concellos, que dan emprego a 12.500 lucenses e que representan o 13% do PIB da provincia”. E apuntou: “Queremos concienciar á cidadanía da importancia de mercar no comercio de proximidade e trasladar que mercando nos establecementos da nosa provincia gañamos todos”.
Pola súa banda, a concelleira Ana Prieto Nieto explicou que o Goberno local tamén colabora co desenvolvemento desta campaña na capital, onde participarán os 700 establecementos existentes, que dan emprego a 1.750 persoas.
A maiores, o presidente da Federación Galega de Comercio, José Seijas López, subliñou que “o obxectivo fundamental desta campaña é encher de Nadal a provincia de Lugo e crear ese ambiente festivo e alegre propio destas datas fomentando as compras”. E engadiu: “Con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”

PUBLICIDADE