A Deputación de Lugo clausura o curso do Centro de Formación Audiovisual

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

A responsábel de Réxime Interior da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, clausurou este martes 18 de xuño o curso 2023/24 do Centro de Formación Audiovisual da Deputación (CFA) coa entrega de diplomas á 20ª promoción de graduados e graduadas en Realización e Produción. A gala, á que asistiron familiares e amigos, estivo inspirada no circo e foi organizada polo alumnado de primeiro.
Pilar García Porto, que amosou a súa satisfacción por compartir “un día tan especial cos novos titulados e tituladas e as súas familias”, dixo que “son 20 anos formando a profesionais no audiovisual, un sector en continuo cambio que require traballadores e traballadoras ben preparados”.
A deputada anunciou tamén que este mércores 19 de xuño abre o prazo de solicitude de matricula, que volverá ser gratuíta “xa que dende a Deputación cremos e defendemos con feitos a igualdade de oportunidades e facemos un importante esforzo económico para garantir un ensino público e de calidade na nosa escola”.
García Porto dixo que, ao igual que os novos titulados, tamén comeza unha nova etapa no Centro de Formación Audiovisual da Deputación coa aplicación, o curso que vén, da nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional que supoñerá un importante cambio no panorama educativo, especialmente no ámbito da FP Superior, ao que pertencen os Ciclos de Realización e Produción que imparte a institución provincial
A gala de graduación deste ano estivo inspirada no circo, polo que todos os deseños, tanto de diplomas como de convites, photocall ou escenario, estiveron baseados nesta temática. Ademais, durante o acto proxectouse unha recompilación dos traballos realizados polo alumnado de segundo durante o seu paso polo CFA: vídeo-poemas, programas de televisión ou obras da Semana de Teatro. Ademais, foi a preestrea de dúas curtas: Bingo e 5 Perros.
Prazos de matrícula para o vindeiro curso
O prazo de solicitude para o curso que vén estará aberto dende mañá, 19 de xuño, ata o 5 de xullo. Todos os mozos e mozas interesados en formarse no CFA poden presentar a súa solicitude na web da Deputación ou presencialmente na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n da cidade amurallada.
A matrícula ordinaria poderá realizarse do 17 ao 22 de xullo. No caso de que queden prazas sen cubrir, abrirase un período de matrícula extraordinaria desde o 23 de xullo ata completar o número total. Para obter máis información ou resolver calquera dúbida, os interesados poden contactar co CFA a través do teléfono 982 284 667 ou do correo electrónico info@fundaciontic.org.