A Deputación de Lugo colabora cunha nova edición do Criterium Aeronáutico
venres, 31 de maio do 2024
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres 31 de maio no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co seu homónimo do Real Aeroclub, Luis Abelleira, polo que a institución provincial achegará 10.000€ para a celebración en Rozas dunha nova edición do Criterium Aeronáutico. Este evento aéreo, consolidado como un dos máis importantes do panorama nacional, celebrarase do 25 ao 27 de xullo.
Esta cita contará un ano máis con actividades pensadas para todos os públicos, entre as que se incluirán o paracaidismo, paramotor, voo acrobático, drons, ultralixeiros ou un simulador de voo. Haberá tamén un circuíto de karts, inchábeis, voos de exhibición e exposicións. Un ano máis terá lugar de forma simultánea a Volta Aérea a Galicia, aberta a todos os pilotos que desexen participar.
Segundo explicaron, “trátase dun evento moi atractivo, que forma parte da oferta turística de Lugo e que consolida á provincia como un destino de experiencias, o que precisamente encaixa co modelo de turismo de calidade e sostíbel que impulsa a Deputación de Lugo”.
De feito, a institución provincial volve a ser a Administración que fai unha aportación económica maior, financiando preto do 50% desta cita.