A Deputación de Lugo comeza o curso ofrecendo á veciñanza do rural 640 obradoiros TIC de balde

xoves, 4 de setembro do 2025 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu a coñecer este xoves os detalles do programa E para dixitalizarse Lugo, o proxecto que ofrece 640 accións formativas (gratuítas e presencias) en competencias dixitais a preto de 5.000 veciños e veciñas do rural da provincia. Os obradoiros desenvolveranse de setembro a xuño en todas as comarcas e as persoas interesadas poden consultar toda a información sobre os cursos, así como formalizar a súa inscrición a través da páxina web da institución provincial e na web específica do programa.
No acto de presentación, ao que tamén asistiu o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, Tomé Roca subliñou que “tras o éxito do programa Impulsa TIC, dotado con 4,4M€, que permitiu dar un salto adiante na dixitalización dos concellos da provincia de Lugo, detectamos que tamén os veciños e veciñas precisaban ferramentas para dar ese mesmo paso. Porque de nada serve que a administración avance se a cidadanía non ten os coñecementos necesarios para aproveitar todos eses servizos e oportunidades”.
As formacións comezarán este mes de setembro e, aínda que está pensado para todas as idades e colectivos, “fai un especial esforzo en apoiar a persoas maiores, para que gañen autonomía; xente moza para que poida reforzar as súas competencias dixitais; persoas no paro para que poidan atopar emprego; e tamén mulleres do rural, porque somos conscientes de que conforman un colectivo fundamental para a dinamización social e económica da nosa provincia”.
As formacións están deseñadas para que os participantes adquiran ou melloren coñecementos sobre o uso do ordenador ou o teléfono móbil, a firma dixital, a Chave365 ou a sede electrónica das administracións. Ademais, no calendario de propostas formativas tamén se enmarcan outras moitas relacionadas coa realización de transferencias bancarias online, aplicacións para atopar emprego, ou obradoiros sobre protección ante estafas, acoso ou o uso inseguro de Internet.
Recordou tamén o presidente que “este proxecto é unha mostra clara do papel da Deputación de Lugo como Concello dos Concellos. Estamos ao carón de todos os municipios da provincia, sobre todo dos máis pequenos, levando servizos e oportunidades que doutro xeito non terían. Queremos contribuír a que vivir no rural da provincia de Lugo sexa sinónimo de oportunidade, modernidade e futuro”.
Por último, o máximo representante da institución provincial sinalou tamén que “a posta en marcha deste proxecto demostra, unha vez máis, a capacidade do Goberno da Deputación para captar fondos europeos, que xa superan os 18 millóns de euros dende o ano 2019. Grazas a estes recursos puidemos desenvolver proxectos clave para frear o despoboamento no rural e modernizar os concellos da provincia, como os programas Xeopadrón ou Impulsa TIC”.