A Deputación de Lugo comparte experiencias de innovación audiovisual coa súa homóloga de Guipúscoa

mércores, 12 de febreiro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo está a impulsar a innovación no seu Centro de Formación Audiovisual, non só aplicada aos contidos que imparte e ás metodoloxías e equipamentos que emprega, senón tamén no que se refire á súa xestión. Por este motivo, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, acompañado pola directora da dita escola, Margarita Soilán, visitaron esta semana a sede da Escola de Cine Elías Querejeta (EQZE) da Deputación de Guipúscoa, co obxectivo de coñecer in situ o método docente deste centro, creado en 2017, e que en tres anos “converteuse nun referente no eido da formación cinematográfica”, segundo lembrou a entidade provincial lucense.
Convidados polo deputado de Cultura, Denis Itxazo, que vén de ser nomeado esta mesma semana delegado do Goberno en Euskadi, e polo director da Escola, Carlos Muguiro, tamén estiveron acompañados polo director galego Oliver Laxe, que, como lembraremos, vén de acadar un importante éxito internacional, de crítica e de público, con O que arde, rodada na montaña de Lugo co apoio, precisamente, da Deputación lucense. Laxe, por certo, está a impartir esta semana no centro de formación vasco a materia Azar e control dentro do postgrao de Creación. Laxe é ademais un dos impulsores de que a Deputación se estea a reformular o modelo educativo do seu Centro de Formación Audiovisual.
Durante a visita mantiveron encontros co director do Festival de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos, co responsábel de Audiovisuais do Tabakalera Centro Internacional de Cultura Contemporánea, Víctor Iriarte, e co responsábel de cultura do Diario Vasco, Alberto Moyano.
Pablo Rivera salientou que “en Lugo temos moito talento audiovisual, como quedou acreditado co recoñecemento a profesionais lucenses nos Premios Goya, nos Premios Feroz ou no Festival de Cannes”. Amais, engadiu que “desde a Deputación apostamos por manter ese talento na nosa provincia e mesmo atraer talento de fóra, e avanzar en novos proxectos educativos para asentar poboación nova en Lugo; estamos estudando adaptar o modelo docente da nosa escola ás novas demandas formativas do sector, por iso queremos coñecer o funcionamento da EQEZ, un centro internacional de pensamento, investigación, práctica experimental e innovación pedagóxica, que apoia aos creadores de ámbito audiovisual e pretende asentar unhas bases sólidas para un sector de gran potencial no territorio”.
Titoría e acompañamento dos proxectos
Creada e financiada pola Deputación Foral de Guipúscoa, na EQZE participan a Filmoteca Vasca, o Festival de Cine de San Sebastián e Tabakalera Centro Internacional de Cultura Contemporánea, cos que comparte edificio. Trátase dun proxecto pedagóxico que inclúe tres programas de postgrao: Arquivo, Comisariado e Creación. O profesorado está formado por profesionais do cinema de acreditado prestixio nas tres áreas. Ademais, desde 2019 a Universidade do País Vasco recoñece estes postgraos como mestrados propios.
Aposta pola marca Lugo no mundo audiovisual
Rivera Capón lembrou que a Deputación aposta pola formación da mocidade lucense como unha das vías de futuro e riqueza para a provincia: “Faino desde hai anos apoiando ao Campus Terra e tamén co Centro de Formación Audiovisual, a antiga Escola de Imaxe e Son de Lugo, onde impartimos unha formación técnica de ensinanzas da rama audiovisual, única na provincia”.
Asemade, incidiu na vontade da institución por converter a provincia nun plató de cinema: “Os exemplos máis recentes son o patrocinio das rodaxes de O sabor das margaridas ou Arima, e a nosa participación nas multipremiadas O que arde, Dhogs e A sombra da lei”.
Proxecto aberto e en permanente construción
A Escola EQZE está formulada como un proxecto pedagóxico aberto e “en construción permanente”. O seu obxectivo final é formar cadros técnicos á marxe dos modelos docentes tradicionais e estandarizados, estimulando o xurdimento de cineastas cunha mirada integral do cine, “capaces de xerar realidades cinematográficas novas desde os puntos de vista laboral, conceptual, creativo ou profesional”. Os itinerarios son postgraos nos que se combina a docencia, a práctica experimental, os tránsitos profesionais e o desenvolvemento de proxectos persoais.
A parte docente consta de seis módulos, cada un ten unha duración de cinco ou sete semanas, e posúe a súa propia coherencia pedagóxica, de tal xeito que todas as actividades xiran en torno a un tema central. Entre módulo e módulo contémplase unha semana sen clases nin sesións presenciais na escola, destinada ao traballo persoal e ás prácticas profesionais. O alumnado realiza ao longo do curso un mínimo de 100 horas de prácticas profesionais na Filmoteca, no Festival e no Centro Cultural de Tabakalera, así como un proxecto que é titorizado.

PUBLICIDADE