A Deputación de Lugo contribúe á operatividade tecnolóxica da RAG

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

A Real Academia Galega (RAG) é unha das entidades da nosa terra de meirande actividade na Rede, obxecto de incontábeis demandas relacionadas con dúbidas lingüísticas, tal e como certifica o feito de que a última revisión do dicionario deixara unha media de 60.000 consultas diarias de palabras. Malia estes e outros datos, a RAG ten só un orzamento de 900.000 euros, que é tres veces menos có da Academia Vasca, ou dez veces menos có da Catalá. Co obxectivo de contribuír ao funcionamento da entidade galega, a Deputación de Lugo vén de asinar un convenio de colaboración coa RAG, con vixencia dun ano e dirixido a contribuír ao funcionamento da institución, tanto no plano off-line como no dixital.
Segundo fixo saber no acto de sinatura o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, “existe unha forte demanda social nestes intres ao redor da lingua”, e proba diso é o elevado número de consultas diarias de palabras na Rede. “Os datos falan por si sós, e iso hai que sostelo con profesionais con soporte técnico, e despois está tamén o traballo dos académicos que participan de maneira desinteresada; polo tanto este convenio para nós é moi importante”, apuntou o presidente da RAG.
No acto de sinatura tamén participou a académica e escritora Marilar Aleixandre e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen sinalou que o apoio da entidade provincial lucense diríxese en termos xenéricos a “apoiar o labor da institución a prol do fomento da cultura galega e a promoción e estudo do idioma galego”. A achega anual da Deputación á RAG será de 9.000 euros.
O deputado apuntou que a Deputación non pode ficar á marxe ante “o lamentábel retroceso que a lingua galega está tendo na nosa sociedade, nos ámbitos urbanos e incluso nas xeracións máis novas, cada día se fala menos galego e iso non é unha situación só para avaliar é unha situación sobre a que temos que actuar, porque cando estimamos máis a nosa lingua estimámonos máis a nós mesmos”.
Pola súa parte Freixanes quixo agradecer “en nome da Real Academia Galega a sensibilidade da Deputación de Lugo no apoio ás iniciativas da institución e no apoio ao funcionamento da propia Academia”. Así mesmo, salientou que “o galego é intercomprensíbel oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo”.

PUBLICIDADE