A Deputación de Lugo creará unha web e unha app para impulsar Os Ancares e O Courel

venres, 1 de marzo do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo recibiu hoxe, da man do deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o documento de auditoría e máis o distintivo que acredita ás montañas dos Ancares e O Courel como Espazo Observer Turismo Científico, e que outorga a este territorio a categoría de reserva científica. No acto participaron a responsable deste sistema, Maite Vence Fernández, e o técnico encargado da avaliación e redacción do informe, Xabier Vázquez Pumariño. O dito recoñecemento permitirá levar a cabo unha estratexia con 10 accións de impulso aos recursos naturais e culturais das ditas contornas. Este programa inclúe a posta en marcha dunha web específica de divulgación e máis unha aplicación móbil (app).
O proxecto, emprendido por iniciativa da Deputación en agosto de 2018 cunha achega de 70.000 euros, remata así a súa primeira fase, dando paso, de agora en diante, á realización de accións concretas sobre o terreo, destinadas a promover turisticamente o territorio como reserva científica, “para crear un turismo de calidade”, en palabras da entidade provincial.
Este proxecto abrangue aos 16 concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, o territorio cobre 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel. Esta extensión, explica a entidade provincial, dará como resultado “a meirande zona de estudo científico de Galicia”.
Respecto do sistema de certificación Observer, foi creado coa finalidade de “fomentar e mellorar a calidade das accións relacionadas co Turismo Científico sustentable e de calidade”. Permitirá unificar ciencia, divulgación científica e turismo nun só distintivo para as montañas dos Ancares e O Courel. Así mesmo, explica a Deputación, “o selo contempla o turismo científico como unha modalidade moderna de turismo que garanta a sustentabilidade e a participación, e facilita o acceso a todos os sectores da poboación, incluso aqueles con ne­cesidades especiais ou de grupos minoritarios”.
Tras superar o proceso de revisión e avaliación do potencial da zona, o territorio poderá desenvolver a creación dun ecosistema integrado de turismo científico Ancares-Courel, que buscará agora crear as estruturas necesarias para unha actividade de calidade, avalada pola certificación Observer. A entidade provincial que preside Darío Campos lembra, a respecto do devandito, que en Galicia “só o Parque das Illas Atlánticas posúe o devandito distintivo”.
Unha vez acadado este recoñecemento do territorio Ancares-Courel como destino Observer, desenvolverase unha estratexia que abrangue, como dixemos ao comezo, preto de 10 accións a realizar ata o mes de agosto para impulsar o uso de recursos naturais e culturais cos que facer divulgación científica. Entre estas actuacións estaría a creación dun grupo de traballo no que a Deputación contará coa participación da USC, os concellos integrados na zona e outros axentes claves do territorio que teñan competencias en materia de divulgación ou xestión dos recursos naturais. A segunda fase tamén contempla a creación dunha páxina web, o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha aplicación móbil. Ademais, desenvolverase unha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector sobre o mesmo e un seminario de formación para guías e informadores turísticos.