A Deputación de Lugo e AELU impulsarán o emprego feminino no rural con formación TIC
martes, 29 de agosto do 2023
O
presidente da Deputación de Lugo, Jose
Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Empresarias da Provincia
de Lugo (AELU), Anjhara Gómez Rodríguez, asinaron este martes 29 de
agosto un novo acordo entre ambas entidades para impulsar o emprego
feminino no rural da provincia. A institución provincial achega
así preto de 40.000€ para a posta en marcha do programa Aulas
Abertas, mentres que AELU aporta máis de 2.000€.
Esta
iniciativa nace co obxectivo de formar e crear networking a
través de obradoiros nos que se amosará de maneira gratuíta ás
participantes as posibilidades de diversificar as súas actividades
profesionais. “A través desta iniciativa”, informaron,
“foméntase o apoderamento persoal, facilítase o coñecemento do
mundo empresarial e do emprendemento e ofrécense técnicas para
desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes”.
José
Tomé destacou a importancia deste acordo, que busca seguir
“fortalecendo e diversificando o tecido produtivo da provincia a
través do apoio a proxectos empresariais e emprendedores liderados
por mulleres, o que favorece a xeración de riqueza e emprego, e,
polo tanto, fixar poboación”.
Aulas
Abertas conta con tres áreas educativas principais: a transformación
de produtos agrogandeiros, o aproveitamento de recursos e a creación
dunha imaxe nas redes e no universo dixital, contidos que suman en
total 150 horas. Ademais, compleméntase con conversas con
emprendedoras. Esta formación estará impartida por un técnico de
emprendemento e un técnico en informática.
Aulas
Abertas comezará no outono e AELU estima que serán arredor dun
cento as mulleres beneficiarias desta iniciativa.