A Deputación de Lugo e COGAMI colaboran na inserción polo vieiro tecnolóxico

xoves, 14 de setembro do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo informou hoxe do seu traballo a prol da inserción laboral de persoas con características funcionais diversas, parte do cal apóiase directamente na formación tecnolóxico-dixital (a través dos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando). Os datos viñeron da man da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, durante unha xuntanza cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que está a traballar nunha empresa lucense como operario de imprenta (a través do servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, que financia o Executivo da Deputación).
A deputada lembrou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación”, para acadar “unha plena integración e igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes na nosa provincia”. Segundo engadiu, todas as iniciativas de emprego postas en marcha pola entidade provincial (como os devanditos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando) van encamiñadas cara ao obxectivo da plena inclusión.
Segundo dixo, son 117.000 euros os que o Goberno achega ao mencionado colectivo para a realización de distintas programacións ao longo do ano. En concreto, destínanse 90.000 euros ao servizo de intermediación laboral, co que “se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral en contornas rurais e a través do desenvolvemento de accións formativas”.
Porén, a deputada recordou que o Goberno da Deputación colabora con COGAMI a través de outras moitas programacións. Por exemplo, o colectivo reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta.
Ademais, a Deputación levou a cabo o Communitteando na provincia dende as instalacións de COGAMI na cidade da Muralla. Trátase dun obradoiro social de emprego xuvenil, con formación teórica e práctica e incluíndo remuneración por valor de 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional). Nel xa participaron 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, polas “súas dificultades para acceder ao mercado laboral”. Especializáronse en xestión de contidos dixitais, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Por exemplo, crearon a nova páxina web e redes sociais de COGAMI Lugo.

PUBLICIDADE