A Deputación de Lugo e Federación de Comercio lanzan campaña para elixirmos online os mellores establecementos
martes, 14 de novembro do 2023
O
presidente da Deputación
de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes 14 de novembro, no
Pazo de San Marcos e na compaña do presidente da Federación Galega
de Comercio, José María Seijas, a campaña Mellor Comercio da
túa vila, financiada practicamente na súa totalidade pola
institución provincial cunha achega de 50.000€ e destinada a
impulsar os establecementos de proximidade da provincia e incentivar
as vendas na recta final do ano. A iniciativa inclúe premios para os
propios negocios participantes, por un total de 8.500€, e para os
clientes, en bonos de compra que suman 15.000€. Tamén incorpora
unha votación en liña para elixir os mellores comercios da
provincia.
A
campaña, explicou Tome, ten un obxectivo duplo: “Por unha banda
poñer en valor a calidade e as melloras que van introducindo os
comercios para promocionarse, modernizarse e alcanzar cotas máis
altas de competitividade, e pola outra incentivar as vendas nesta
recta final do ano, aproveitando que son datas de maior consumo”,
nas que, de feito, concéntrase o 40% da facturación anual do sector
do comercio.
A
campaña, que comeza este 14 de novembro e rematará o 14 de decembro
coa celebración dunha Gala do Comercio no Pazo de San Marcos, inclúe
distintas accións: premios para 17 negocios da provincia de 500€
cada un e un diploma acreditativo; sorteo de bonos por 12.000€
entre os clientes; e actividades de dinamización nas rúas da
capital lucense e sorteo dun premio de 3.000€ en compras.
A
campaña arranca este 14 de novembro. Ata o 7 de decembro, aquelas
persoas que realicen compras en calquera comercio de proximidade da
provincia de Lugo poderán rexistrar os seus tíckets a través da
web www.mellorcomerciodatuavila.com
e entrar nun sorteo previsto para o 11 de decembro no Pazo de San
Marcos, no que se repartirán 12.000€ en vales de compras,
repartidos en 20 premios de 300€ e 40 premios de 150€. Durante
ese rexistro, os clientes poderán votar a un comercio de entre os
previamente inscritos no concurso, e desa votación popular vía
online sairán os 17 negocios que se distinguirán como Mellor
Comercio da túa vila. Os gañadores recibirán de premio 500€
en metálico cada un, e un diploma acreditativo, dos que se lles fará
entrega na devandita gala.
A
campaña que impulsa a Deputación de Lugo coa Federación Galega do
Comercio tamén contempla o desenvolvemento doutra acción na cidade
de Lugo baixo o nome Merca na Rúa, coa que se desenvolverán
actividades de dinamización entre os días 1 e 12 de decembro para
fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha
compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha
xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a
20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas
participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada
unha delas.