A Deputación de Lugo e a EOI lanzan un ambicioso programa para facer realidade a dixitalización de pemes e autónomos
mércores, 20 de outubro do 2021
A
Deputación de Lugo e a Escola Organización Industrial (EOI)
presentaron este 20 de outubro unha iniciativa conxunta para axudar
ás pemes e ás persoas autónomas, con formación de balde, nos seus
procesos de transformación, dixitalización e adaptación ás novas
demandas e realidades do mercado (no contexto postCOVID). O
programa foi dado a coñecer polo presidente da entidade provincial,
José Tomé Roca, e o director do departamento de Aceleración
Empresarial da EOI, Javier Benito. Trátase
do programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, unha
nova iniciativa dotada con máis de 1M€ de orzamento que prestará
apoio gratuíto a pemes e persoas autónomas da provincia para
mellorar o seu negocio a través da dixitalización.
José
Tomé, que estivo acompañado tamén polo deputado de Promoción
Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que Reiníciate:
dixitaliza a túa empresa forma parte do Plan de Impulso da
Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a
recuperación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia.
“Trátase
dun programa de formación e de asesoramento personalizado que
ofrecemos de maneira totalmente gratuíta ás empresas para
axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para
modernizar e mellorar o seu negocio”, subliñou o presidente,
engadindo que Reiníciate está promovido pola Deputación e a
EOI cun orzamento de 1.080.000€, achegados nun 85,9% pola Escola de
Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón
927.720€. A Deputación asume o 14,1% restante, o que supón
152.279€.
Segundo
recalcaron, esta nova iniciativa nace co obxectivo de que as empresas
“gañen en competitividade, en produtividade e en eficiencia, para
que abran novas oportunidades de negocio e, polo tanto, para que
teñan ferramentas que lles sirvan, por unha banda, para recuperarse
antes e de maneira máis sustentábel no tempo dos efectos da crise
da COVID e, pola outra, para que poidan incluso estar mellor
preparadas de cara a futuras situacións adversas”.
500
empresas dos 67 concellos
Tomé
engadiu que Reiníciate está dirixido a 500 empresas de
calquera sector ou actividade, e de calquera dos 67 concellos da
provincia de Lugo. Segundo engadiu, é unha proposta aberta e
dinámica, onde non existe límite en relación ao tamaño das
empresas, aínda que iso si, porase o foco, especialmente, no ámbito
das pemes (as pequenas e medianas empresas) e as persoas autónomas,
que son, dixo, “o verdadeiro músculo da nosa economía, o motor da
creación do emprego, e os que máis están a sufrir os efectos da
crise da COVID”.
O
programa abrangue “un acompañamento real, individualizado e
personalizado” para cada unha das empresas que decidan beneficiarse
desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio
ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas
“da mellor maneira posíbel”. Amais, “a formación partirá
dende o punto no que estea cada negocio participante en materia
dixital”. Tomé Roca puxo como exemplo que algunhas empresas terán
que empezar por implantar as redes sociais e outras porán en marcha
o comercio en liña. A finalidade é “lograr que as persoas
participantes adquiran os coñecementos, as habilidades e as
ferramentas necesarias para desenvolver a transformación dixital da
súa empresa”. En concreto, engadiu, “levaranse a cabo accións
prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a
creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, a
mercadotecnia dixital ou a implantación de programas de xestión ou
facturación, entre outras”.
Inscricións
e desenvolvemento
O
prazo de inscrición xa está aberto e pódese formalizar na web:
lugoformaciondigital.es.
Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que
poidan xurdir. A previsión é que o programa arranque xa na primeira
semana de novembro.
A
Deputación de Lugo indicou que a axenda inclúe sesións en liña e
presenciais, destinando tempo ao asesoramento individualizado, á
formación e ao acompañamento. “A cada empresa asinaráselle un
profesional que será o seu mentor durante todo o programa”,
explicouse, engadíndose que estas persoas serán as encargadas de
facer a avaliación inicial e de establecer o plan de traballo en
función das necesidades detectadas. Para a formación haberá 80
horas que se impartirán en horario de mañá e de tarde durante tres
días á semana, e 85 horas para a mentorización
personalizada e adaptada a dispoñibilidade de cada empresa.
Establécense
sete sesións presenciais, que se impartirán nas diferentes
comarcas, co obxectivo de chegar ao maior número de destinatarios.
As temáticas previstas son: Xestión de dixitalización
(Lugo), Desenvolvemento de negocio dixital (A Mariña), Reto
en dixitalización (Ribeira Sacra), Reto en comunicación
dixital (A Terra Chá), Reto de competencias directivas
(Lugo), Reto de transición enerxética (A Mariña), e COVID,
a oportunidade do cambio (A Ulloa).