A Deputación de Lugo e a Fundación TIC celebran o Nadal entre novas tecnoloxías

venres, 22 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo e a Fundación TIC, dependente da entidade provincial, están a celebrar o Nadal fomentando ao máximo a participación da cidadanía. Entre os principais instrumentos empregados para impulsar esta colaboración veciñal atópanse as novas tecnoloxías da información. Esta é a base da iniciativa Nadal da TIC, na que participaron este venres unha manchea de lucenses de máis de 55 anos. O presidente provincial e da TIC, Darío Campos, o patrón e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xuntáronse á celebración compartindo as actividades cos maiores.
Darío Campos salientou que “é unha satisfacción para nós comprobar como os maiores que se achegan á TIC aprenden a sacarlle o mellor partido ás novas tecnoloxías e como se implican en todo o que facemos. Neste caso, á parte didáctica engádeselle a máis lúdica e divertida, que contribúe a favorecer as relacións entre eles e tamén cos seus amigos e familiares a través das novas tecnoloxías”.
No Nadal da TIC os participantes puideron crear música e sons con diversas aplicacións móbiles (apps), ser os protagonistas dun calendario de 2018 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación. A xornada, que estivo aberta a todos os maiores interesados, continuou pola tarde en horario de 16:30 a 19:00 horas.
Entre as actividades concretas realizadas incluíuse unha interpretación musical navideña en clave colectiva: un coro que cantou Noite de paz ao son do teclado das tabletas no que participaron Darío Campos, Álvaro Santos e Lara Méndez. Esta panxoliña formou parte do taller TIC Sonoro, no que os maiores teñen acceso a diversas apps con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que poden crear música e sons.
Na xornada tamén houbo marxe para promover hábitos saudábeis, cun obradoiro pensado especialmente para estas datas. Ademais de recibir información sobre as mellores dietas para a poboación en xeral, e os maiores en particular, os participantes tiveron a oportunidade de elaborar receitas saudábeis sinxelas que despois degustaron a media mañá e repetiron á hora da merenda.
Porén, o Nadal da TIC incluíu moitas outras activades. Entre elas, sesións divulgativas e prácticas ligadas á imaxe, tanto desde o punto de vista da fotografía como do audiovisual. Deste xeito, os maiores coñeceron o funcionamento do croma e elixiron entre numerosas paisaxes con ambientación de Nadal, a maioría da provincia de Lugo. Entregóuselles un calendario de 2018 coa súa foto.

PUBLICIDADE