A Deputación de Lugo e a USC inauguran na valgada unha gaiola de drons

xoves, 17 de xullo do 2025 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, inauguraron este xoves 17 de xullo no entorno da valgada do Campus de Lugo a gaiola de drons, a nova infraestrutura que suporá un importante impulso para a investigación, a formación e a calidade docente do Campus que xa está en funcionamento.
Explicaron que este proxecto pretende cubrir unha necesidade da contorna universitaria lucense trala habilitación de novas titulacións, como o Grao en Robótica ou o mestrado Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados. Así os alumnos e alumnas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría poderán realizar prácticas de drons garantindo as máximas condicións de seguridade.
José Tomé Roca recordou que a valgada é un terreo de titularidade provincial que a Deputación ten cedido ao Campus para o seu uso educativo e avanzou que “a gaiola de drons é un proxecto que simboliza como se pode poñer a tecnoloxía ao servizo da formación, da innovación e do desenvolvemento do noso territorio e que representa tamén unha recuperación intelixente dun espazo estratéxico no corazón do campus, que agora cobra nova vida como centro de aprendizaxe práctica, investigación aplicada e resposta directa ás demandas do sector agroforestal”.
Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, agradeceu o apoio económico da institución provincial e destacou que a maiores das diferentes proxeccións formativas que terá esta infraestrutura tamén suporá un importante impulso para os “equipos de investigación que están traballando en programación e deseño de aeronaves non tripuladas e que agora contan cun espazo onde poden probar as súas propostas. En definitiva, esta gaiola de drons reforza a oferta educativa e a oferta investigadora do Campus”.
A este acto de inauguración tamén asistiu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, Mª José López Couso; o Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a Directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Rosa Romero Franco; e profesores e profesoras do Campus de Lugo.
Este novo espazo, duns 450 metros cadrados e 10 metros de altura, permitirá que os alumnos e alumnas do Campus, especialmente os da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, poidan adquirir experiencia real en voos, configuración e control de vehículos aéreos non tripulados. Tamén facilitará o desenvolvemento dos traballos fin de grao e fin de mestrado relacionados con tecnoloxías avanzadas de navegación aérea, visión por computador ou control autónomo, consolidado unha contorna de aprendizaxe innovadora e aliñada coas demandas do sector tecnolóxico. “Ademais, esta gaiola de drons contribúe á calidade docente ao permitir que o profesorado poida estar conectado cos últimos avances tecnolóxicos” explicaron.
Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración entre ambas institucións e no que a Deputación de Lugo realiza unha achega económica anual de 370.500€ para impulsar a excelencia formativa deste Campus e mantelo como un referente académico.