A Deputación de Lugo e o INCIBE organizan actividades para fomentar un uso seguro das TIC

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

Do 25 ao 29 de xuño a lucense praza de San Marcos acollerá unha serie de actividades relacionadas coa seguridade da información. Este espazo será habilitado pola Deputación de Lugo e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), a sociedade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública. A finalidade desta Experiencia PassVRord, que será de balde e para toda a poboación, é fomentar o uso correcto das novas tecnoloxías, así como diversas cuestións relacionadas coa ciberseguridade a través de xogos e experiencias lúdicas.
Na carpa que se instalará, levarase a cabo unha experiencia de realidade virtual na que se inclúen tres zonas. Na primeira delas, informarase aos participantes sobre os diferentes servizos que realiza o INCIBE; no seguinte espazo explicaráselles a dinámica da actividade e, por último, situarase a zona de xogo na que os participantes se mergullarán nunha experiencia inmersiva seguindo unha modalidade de escape room e que estará baseado nun Obxectivo de Desenvolvemento Sostíbel (ODS).
Engadir que esta iniciativa vai encamiñada á cidadanía en xeral e o horario será de 10 a 14:30 horas en xornada de mañá, e de 17 horas a 20:30 horas en xornada de tarde. A actividade terá unha duración duns 30 minutos e o aforo de cada xogo será dun máximo de 10 persoas.