A Deputación de Lugo e o alumnado da súa escola audiovisual levan ás redes o certame de baristas de Foz

xoves, 13 de febreiro do 2020 Redacción

Este xoves celebrouse no IES de Foz a edición número trece do Concurso Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería. Na cita participaron a deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, e o deputado de Participación Cidadá, Roberto García, que fixeron entrega de varios premios do certame, organizado polo instituto mariñán, para o que a Deputación de Lugo achega 3.000€. O concurso foi retransmitido un ano máis en directo, a través de tecnoloxía streaming, pola Escola de Servizos Audiovisuais do ente provincial, que achegará contidos do evento ás redes sociais. Esta edición do concurso conta coa participación de alumnos de 13 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León.
Gañadoras e gañadores
Xoel Carreira Campa, do centro de formación profesional Paseo das Pontes da Coruña, foi o gañador do campionato internacional de baristas na categoría de escolas de hostalería. A segunda clasificada foi a alumna da escola vasca de Gamarra Maialen Delgado Fernández de Arroyabe e o terceiro premio levouno a representante da escola de hostalería focense, Perla Daniela Sención. No transcurso do certame, os participantes elaboraron os seus cafés de diferentes formas e aplicando as técnicas, habilidades e coñecementos adquiridos. As mostras foron avaliadas por unha vintena de xuíces, encargados de facer a degustación e valorar aos participantes.
Programa do venres
Este venres 14 de febreiro ás 9:00 horas, a XXIII edición deste concurso de baristas rematará co VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais e unha charla, ás 14:00 horas, co enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía, que falará do cultivo biotecnolóxico do café. Un día máis, haberá degustacións de repostería e café de 9:30 a 13:00 horas abertas ao público.
Catro eventos nun único escenario
En termos máis concretos e para clarificar conceptos, Foz está a acoller estes días un total de catro acontecementos: a edición número trece do Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, a oitava convocatoria do Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, o oitavo Campionato Internacional de Baristas Profesionais e a primeira edición do Campionato Internacional de Catas de Cafés de Profesionais.
O alumnado de segundo de Realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, está a ser o encargado da emisión por streaming dos campionatos. Os estudantes, grazas á participación da Deputación de Lugo nos ditos eventos, afrontan a cobertura dixital dos mesmos con todos os condicionantes dunha emisión en directo e resolvendo os mesmos problemas que se atoparán cando accedan ao mercado laboral.
Tres xornadas e unha novidade
O evento arrancou o mércores, 12 de febreiro, ás 17:30 horas cos Campionatos de Baristas e de Catas de Café das Escolas de Hostalería. Hoxe pola mañá proseguiu a competición de baristas e pola tarde, ás 17:30, celebrouse por primeira vez o Campionato Internacional de Catas de Cafés Profesionais. Xa por último, o día 14, ás 9.00 horas empezará o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais.
O encontro tamén inclúe dúas charlas. A primeira, o xoves ás 13:00 horas, leva por título Un café, un método, un cocktail, a cargo de Willy Gómez de Astro Café Roasters, e a segunda, o venres, ás 14:00 horas, o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía falará do Cultivo biotecnolóxico do café. As dúas últimas xornadas haberá degustacións de repostería e café de 9:30 a 13:00 horas que estarán abertas ao público.

PUBLICIDADE