A Deputación de Lugo enche a Rede de novos vídeos sobre os atractivos da provincia

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Redacción

Entre as entidades galegas que se atopan estes días no salón de turismo FITUR, en Madrid, lucindo xeodestinos e servizos innovadores para garantir a mellor estadía dos visitantes, atópase a Deputación de Lugo. Este mesmo xoves, sen ir máis lonxe, a entidade que preside Darío Campos presentou os novos traballos audiovisuais da campaña de promoción turística provincial que leva por nome Lugo Cambia. Trátase, segundo fixo saber en FITUR o propio Darío Campos, das primeiras iniciativas que o Goberno provincial ten preparadas para este ano, compostas por 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués. As pezas, que xa se poden ver na web da Deputación no apartado específico para visitantes e viaxeiros, turismo.deputacionlugo.org, divulgaranse nas redes sociais e en todo tipo de plataformas internacionais, comezando por medios galegos, españois e portugueses.
Segundo engadiu o presidente do Goberno provincial, os contidos dos vídeos son os recursos turísticos dos 67 concellos lucenses, nos que o coñecido presentador lucense Martín Barreiro convida a visitar a provincia, dando conta dos sentimentos que produce facelo e salientando que “unha viaxe á nosa provincia vos cambiará para sempre”.
Campos Conde presentou as pezas Os sentimentos dunha viaxe xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Aacaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
Estes novos spots difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais, culturais ou gastronómicos que se poden atopar nos 67 Concellos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que, como lembrou Conde, son as zonas inmediatas de captación de turistas.
O titular da Deputación tamén explicou que a presentación deste novo material é “un paso máis no traballo do Goberno provincial para promover o conxunto do territorio lugués e facer do turismo un motor económico da provincia capaz de xerar emprego e riqueza”. Neste senso, a campaña Lugo Cambia enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, “totalmente participativo”, que elaborou o Executivo. O presidente engadiu que en 2018, o Goberno da Deputación intensificará a campaña Lugo Cambia e reforzará a súa colaboración co sector turístico, desenvolvendo máis e novas iniciativas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.

PUBLICIDADE