A Deputación de Lugo forma a concelleiros e traballadores municipais en novas tecnoloxías ao servizo do turismo
luns, 5 de abril do 2021
Este
5 de abril arrincaron as actividades formativas da Deputación de
Lugo para equipar aos concellos de recursos que contribúan á
transformación do turismo e a hostalería: ferramentas e
coñecementos que axuden ao sector, dende as administracións locais,
a acadar a plena recuperación. Cincuenta
traballadores e concelleiros de 34 entidades locais da provincia
participan ata o día 15 de xuño nesta iniciativa online de
100 horas de duración, centrada nas novas tecnoloxías e na
promoción e comercialización de servizos turísticos locais.
A
iniciativa forma parte do apoio da institución provincial a uns dos
sectores económicos máis prexudicados pola pandemia como son o
turístico e a hostaleiro
Con
esta acción formativa, a institución provincial dota de ferramentas
aos concellos para que adquiran a capacidade suficiente como para
desenvolver e xestionar produtos turísticos e favorecer así a
recuperación deste sector e o hostaleiro.
Para
o devandito abordaranse, en catro bloques, estratexias de
mercadotecnia turística, proxectos de comercialización de produtos
e servizos turísticos locais, sistemas de relación cliente-empresa
no sector da hostalería e o turismo e a utilización das Tecnoloxías
da Información e a Comunicación (TIC) na promoción do destino e
para a creación e promoción de produtos turísticos no entorno
local. Unha vez rematada a formación, os alumnos que a superen
recibirán un diploma acreditativo.
A
deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo,
Pilar García Porto, destacou a importancia desta formación para “a
reactivación do turismo e o impulso á economía. Tendo en conta as
competencias e recursos limitados que temos neste eido na institución
provincial, queremos estar ao carón dun sector que é dos que máis
sufriron e están sufrindo a crise sanitaria”.
Esta
medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia,
promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores
produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo
a hostalería, o turismo e o comercio local.